A Xunta inicia as obras de 3 sendas nas estradas OU-105, OU-536 e na Avenida de Ponferrada, no Concello de Ourense, que suporán un investimento de 1,8 M€
Os traballos comezaron pola estrada OU-105, onde se executará unha senda de máis de 800 metros na zona de Ponte Sevilla, desde enfronte do concesionario próximo á glorieta ata o punto no que se atopa a parada de autobús máis próxima ao tanatorio
En total, habilitaranse máis de 3,5 km de sendas de uso compartido, peonil e ciclista, cun ancho mínimo de 1,80 metros para garantir unha boa accesibilidade
As rutas contarán con elementos de separación da estrada e melloraranse os sistemas de drenaxe, ademais de preinstalación de canalizacións e servizos, sinalización e colocación de varandas e sistemas de contención
O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é rematar as obras a finais deste ano ou comezos do próximo, pois teñen un prazo de execución de seis meses
Esta actuación enmárcase no Plan de sendas da comarca de Ourense, que conta cun investimento total de 7,1 M€ para 16 km de novos itinerarios
A Xunta iniciou as obras de execución de tres sendas nas estradas OU-105, OU-536 e na avenida de Ponferrada, no concello de Ourense.
Esta actuación supón un investimento autonómico de 1,8 M€ e permitirá mellorar a mobilidade no municipio ourensá, con actuacións na Rabaza, en Ponte Sevilla e na avenida de Ponferrada.
O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é rematar as obras a finais deste mesmo ano ou a comezos do próximo, ao ter os traballos un prazo de execución de seis meses.
Executarase, ademais, un novo itinerario de case 1,5 km na estrada que vai a Trives, na estrada OU-536, na Rabaza, pola marxe esquerda da vía. A senda partirá do paso de peóns no cruzamento co camiño de Souto Sanín, seguirá pola esquerda e desviarase polo terraplén cara á rúa B, continuando ata acadar a intersección coa OU-536 (no quilómetro 2+400).