A Xunta situará a taxa de temporalidade na sanidade pública por debaixo do 4%

A oferta de 2.568 prazas de estabilización para persoal do sistema sanitario publicouse no Diario Oficial de Galicia de 30 de maio e as 230 prazas de concurso-oposición de enfermería xa se incorporaron á convocatoria en marcha


Desde o ano 2012 ofertáronse un total de 8.112 prazas das distintas categorías estatutarias para a súa incorporación, como persoal estatutario fixo, ás institucións sanitarias do Sistema público de saúde galego
 

A suma destes procesos suporá, logo da súa resolución, a incorporación de preto de 11.000 profesionais fixos, situando a taxa de temporalidade do organismo por debaixo do 4%

 Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022 O goberno galego ten en marcha xa todos os procesos de oferta de emprego público que permitirán que a taxa de temporalidade na sanidade pública galega se sitúe por debaixo do 4%, un obxectivo de estabilización que responde ás medidas que a Xunta de Galicia ten adoptado ao longo dos últimos anos.

Así, malia o contexto económico e sanitario dos últimos anos, o Servizo Galego de Saúde, en cumprimento do compromiso de dotar de estabilidade aos seus cadros de persoal, continuou a convocar e desenvolver novos procesos de selección para o acceso á condición de persoal fixo, previa aprobación con carácter anual dos preceptivos decretos de oferta de emprego público, que esgotaron a taxa máxima de reposición de efectivos autorizada pola lexislación básica do Estado e nos que se deu prioridade ás categorías sanitarias.

Deste xeito, desde o ano 2012 ofertáronse un total de 8.112 prazas das distintas categorías estatutarias para a súa incorporación, como persoal estatutario fixo, ás institucións sanitarias do Sistema público de saúde galego.

Finalmente, en cumprimento do establecido na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, a Xunta de Galicia aprobou, no seu Consello do pasado 25 de maio, unha oferta oferta de emprego público extraordinaria para a estabilización do emprego temporal do persoal do Sistema Público de Saúde de Galicia integrada por un total de 2.538 prazas. Esta oferta está publicada no Diario Oficial de Galicia desde o pasado 30 de maio.

Cumpre así a Xunta co marcado na dita lei, tal e como fixeron todos os gobernos autonómicos tras un complexo traballo de cuantificación de prazas e de negociación coas organizacións sindicais.

Ademais, o goberno galego está a tomar todas as medidas posibles para acelerar a súa execución ao máximo. Deste xeito, no mes de xuño a Xunta aprobou ampliar a convocatoria do proceso selectivo para o acceso á categoría de enfermería que fora convocado en marzo para incorporar a el as 230 prazas de concurso-oposición de enfermería derivadas da OPE extraordinaria de consolidación e executalas coa maior celeridade.

Aprobación da reforma do Estatuto Marco
Neste contexto, a aprobación da reforma do Estatuto Marco que o Goberno de España ten anunciado para hoxe non é máis que a adaptación técnica, para o persoal do Sistema Nacional de Saúde, da normativa xeral aprobada polo Goberno de España en 2021 por esixencia da Unión Europea.

De feito, o propio Real Decreto-lei 14/2021, de 6 de xullo, que deu lugar á Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, incluía un mandato legal co prazo dun ano para a adaptación da normativa do persoal estatutario e equivalente dos servizos de saúde ás reformas introducidas no Estatuto Básico do Empregado Público, que é o que se pretende aprobar hoxe.

Desde o punto de vista do goberno galego, e así o expresou no proceso de tramitación da norma, perdeuse a oportunidade de facer unha reforma máis profunda e necesaria desta normativa: por exemplo, para incentivar a provisión de prazas de difícil cobertura, unha reforma que se acordara por unanimidade no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde de 28 de abril de 2018 e que segue pendente.

O texto tampouco aproveita para incorporar as propostas de reformas para axilizar o sistema de selección do persoal médico que se acordaron no seo da Comisión para a Reconstrución Social e Económica constituída no Congreso dos Deputados tralo inicio da pandemia, e cuxo ditame en materia sanitaria foi aprobado polo Pleno do Congreso en xullo do ano 2020, con recomendacións importantes en materia de actualización do sistema de contratación de persoal sanitario sobre as que segue sen existir avance algún por parte do Ministerio de Sanidade.

 

Imaxes relacionadas