O festival peregrinos musicais arranca a próxima semana en Santiago co apoio da Xunta e o impulso dunha decena de novos talentos da música clásica

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a nova edición do certame que por primeira vez contará con todos os seus concertos de balde

Ata o 29 de xullo haberá recitais en lugares como a igrexa de San Francisco, o Teatro Principal, o Auditorio de Galicia ou a praza de Mazarelos
 

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a XII edición do festival Peregrinos Musicais, que se celebrará do 12 ao 31 de xullo co apoio da Xunta para contribuír á divulgación do traballo de novos intérpretes de música clásica que destacan polo seu alto nivel de preparación.

 

O representante da Consellería de Cultura puxo en valor a busca de elementos novos en cada edición que permitan seguir ensinando ao gran público o “enorme talento dos máis novos” a través dun estival que permite “dialogar e convivir” entre eles durante varios días “cunha experiencia musical e profesional moi enriquecedora”. Anxo M. Lorenzo salientou o apoio da Xunta a iniciativas como esta “ao conseguir reforzar as carreiras profesionais de novos talentos e tamén encher a programación cultural do verán con propostas que permitan achegar a música clásica ao gran público”.

 

Como novidade, a edición deste ano contará coas súas representacións gratuítas e contarase con músicos de países como Portugal, Países Baixos, Turquía, Alemaña e España. A organización recadará donativos na entrada dos eventos musicais para entregar de forma íntegra á Cruz Vermella. As actuacións terán lugar en dúas fases diferenciadas. A primeira será como a parte final do concurso Peregrinos Musicais. Os seis músicos finalistas actuarán no Teatro Principal, o 12 de xullo ás 20,00 horas; na igrexa de San Francisco, o 13 de xullo ás 21,00 horas, e finalizarán o concurso o 14 de xullo no Auditorio de Galicia, ás 20,30 horas.

 

Seis músicos participantes

Ademais de obter unha das prazas finalistas, os gañadores optarán a un premio económico de 1.000 euros que será resolto coa votación do público, que valorará a participación dos solistas nos tres concertos programados para a final. Os seis músicos que participarán son Álvaro Lozano (cello) de Málaga, Álvaro Toscano (guitarra) de Córdoba, Mireia Coma (violín) de Vitoria, Pol Cabrera (saxo) de Barcelona, Ilgin Top (violín) de Turquía e María Lejuan (oboe) de Ferrol.

Os programa prolongarase coas festas do Apóstolo e terá seis datas repartidas entre os días 22 a 24 de xullo e do 29 ao 31 de xullo. Estes concertos serán todos na praza de Mazarelos ás 20,00 horas. Toda a información pode consultarse en www.peregrinosmusicales.com

Imaxes relacionadas