A Xunta inviste 1,6 M€ en Ourense para apoiar os Centros de información á Muller e accións para previr a violencia de xénero e fomentar a igualdade e a conciliación

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, informou hoxe sobre a resolución do programa de axudas autonómico

A iniciativa inclúe máis de 876.000 euros para financiar o funcionamento dos 17 Centros de Información á Muller (CIM) de Ourense que dan cobertura a 59 localidades e atenden de media a 1.550 mulleres ao ano

Destínanse máis de 450.000 euros a programas de conciliación cos que se prevé beneficiar a 1.049 familias e 1.378 menores

Coas axudas concedidas dáse cobertura en toda Galicia ao 75% das entidades locais e a preto do 86% da poboación
 

Ourense, 4 de xullo de 2022

A Xunta investirá este ano máis de 1,6 millóns de euros na provincia de Ourense a través das axudas dirixidas a apoiar os 17 centros de información á muller cos que se dá cobertura a 59 localidades ourensás; e a financiar os programas locais destinados a promover a igualdade, previr e tratar a violencia de xénero e fomentar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos concellos, consorcios ou mancomunidades galegas.

 

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, informou hoxe sobre a resolución publicada a semana pasada no Diario Oficial de Galicia (DOG) referidas a estas axudas, coas que se dá cobertura ao 75% dos concellos galegos (unha entidade beneficiaria da axuda pode prestar servizo a máis localidades) e a preto do 86% da poboación.

 

Os apoios, en concreto, para os que se conceden anticipos de ata o 80% das axudas (na pasada convocatoria fixouse no 75%), inclúen financiamento para tres tipos de programas: fomento da conciliación con 28 apoios concedidos na provincia ourensá; promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento da violencia de xénero con 25 axudas resoltas; e apoio aos 17 CIM.

 

No primeiro dos programas, para o fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, destínanse máis de 450.000 euros en Ourense co que se estima poder apoiar a 1.049 familias e 1.378 menores. A Xunta quere axudar con el a que as entidades locais poidan levar a cabo medidas (campamentos de verán, en Nadal ou outro tipo de medidas de conciliación) que fomenten a corresponsabilidade entre mulleres e homes con contías que van dos 18.000 euros para os concellos que se presentaron á convocatoria deste ano de xeito individual aos 30.000 para os de xestión compartida que resultaron beneficiados. As contías máximas aumentan con respecto ás anteriores convocatorias, con 3.000€ máis no caso da xestión individual e con 2.000€ máis para a compartida.

 

A segunda liña, con máis de 300.000 euros de orzamento, céntrase na promoción da igualdade e da prevención e tratamento da violencia de xénero. A Xunta financia accións orientadas a previr a violencia de xénero e mellorar a situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes. Ábrense estes apoios a medidas de loita contra a explotación sexual, incluída a prostitución. As contías neste caso van dos 15.000 aos 28.000 euros para entidades que concorreron á convocatoria de xeito individual ou en conxunto, respectivamente. As contías máximas aumentan nos dous casos en 3.000 euros. 

 

Apoio decidido aos CIM

A terceira liña de axudas ten como obxectivo apoiar a rede de centros de información ás mulleres (CIM), integrada actualmente na provincia de Ourense por 17 centros que dan cobertura a un total de 59 concellos. O Goberno galego apoia o financiamento dos postos de traballo dos CIM -dirección, asesoramento xurídico e atención psicolóxica- e dos axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero, destinando a este programa máis de 876.000 euros nesta provincia. Cada entidade que vén de resultar beneficiaria destas axudas pode recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso de que se presentaran á convocatoria de xeito compartido.

 

López Abella sinalou que a provincia de Ourense destaca por ser a de maior número de concellos cubertos directamente coa xestión dos CIM tanto de xestión individual como de xestión compartida e/ou mancomunada.

 

Así, salientan os casos do CIM do Carballiño co que se dá cobertura a un total de nove concellos (Beariz, Boborás, O Irixo, Maside, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea);  o caso do CIM da Mancomunidade Terra de Celanova no que se ofrecen servizos para oito concellos (A Merca, Cartelle, Celanova, Gomesende, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea); ou o CIM da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín con cobertura en sete localidades (Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Verín, Vilardevós).

Imaxes relacionadas