O titular do Goberno galego asistiu a esta Festa de Interese Turístico Internacional

Rueda destaca a singularidade da Rapa das Bestas de Sabucedo, unha tradición ancestral que atrae cada ano milleiros de turistas

A Estrada (Pontevedra), 2 de xullo de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a singularidade da Rapa das Bestas de Sabucedo, declarada Festa de Interese Turístico Internacional desde o 2007, e que cada ano atrae un gran número de turistas a esta pequena aldea do concello da Estrada, na que habitualmente residen uns 60 veciños.

O titular do Goberno galego destacou o feito de que en Sabucedo os aloitadores e aloitadoras enfróntanse aos cabalos “de igual a igual”, sen máis ferramentas que o seu corpo e as súas mans, para inmobilizar os animais e raparlle as crinas. Tamén destacou outra das finalidades da rapa, como é desparasitar os cabalos salvaxes, previndo así enfermidades, para despois devolvelos ao monte. “É unha festa que mantén intacta a pureza da tradición e a súa autenticidade”, sinalou.

Rueda resaltou, ademais, que esta tradición ancestral é un reclamo turístico para toda a Comunidade, nun ano no que se está a bater récord de visitantes. No mes de maio, o último do que hai datos pechados, Galicia rexistrou máis de 600.000 viaxeiros aloxados, o que supón acadar cifras prepandemia e un novo máximo na serie histórica.

Imaxes relacionadas