Lorenzana destaca o papel do cooperativismo para sentar os alicerces dunha sociedade galega máis próspera e igualitaria

A conselleira de Emprego e Igualdade participou hoxe en Santiago de Compostela na celebración do Día do Cooperativismo

No marco desta xornada entregáronse os Premios ao Cooperativismo 2022 ás cooperativas Aventeira de Fene, 13 Grados de Vigo e Agroflor de Narón

Tamén se concederon os galardóns, na modalidade de proxectos empresariais, do certame Cooperativismo no Ensino ao CIFP Imaxe e Son da Coruña e ao IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (Pontevedra)

 

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no acto central do Día do Cooperativismo galego que se celebrou no Parque da Música en Santiago de Compostela baixo o lema Construír un mundo mellor, no que Lorenzana reivindicou o cooperativismo como modelo que cimenta unha economía galega máis igualitaria e equitativa.

A conselleira explicou en cinco porqués o atractivo deste modelo empresarial: “porque é unha fórmula solidaria comprometida co emprego estable e de calidade; porque sitúa ás persoas no centro; porque está comprometido coas particularidades do seu entorno e aposta por fixar poboación no rural; porque aposta pola igualdade e por unha maior presenza e liderado das mulleres e porque actúa contra as desigualdades”, indicou.

Tal e como remarcou Lorenzana, soamente no 2021 creáronse en Galicia 174 novas iniciativas empresariais que apostaron pola economía social, “rexistrando a nosa Comunidade o maior crecemento en canto ao número de novas cooperativas creadas”. Galicia encabeza a creación de estas novas entidades, pasando do 37,7% en 2019 ao 50,79% en 2021, uns datos que como quixo recalcar a conselleira “demostran que as cooperativas sentan os alicerces dunha sociedade próspera e sostible”.

A Xunta de Galicia está a destinar este ano á economía social 35 millóns de euros, 2 millóns de euros máis que no exercicio anterior. Na actualidade están activas as convocatorias dos programas ES-Transforma e o Bono Consolida, cun orzamento de 1,57 millóns de euros cada unha co propósito de reconverter, transformar e mellorar empresas de economía social.

Lorenzana especificou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade tamén ten aberto o prazo de solicitude para o programa Aprol Economía Social. Dotado con 3,8 millóns de euros, busca a incorporación de persoas desempregadas e ocupadas a cooperativas e sociedades laborais.

Outras iniciativas como Medrando Xuntas, “co que seguimos a impulsar a presenza e liderado feminino nas entidades de economía social”; ou a Rede Eusumo, “un instrumento que xa leva dez anos acompañando ás entidades que apostan pola fórmula da economía social e do cooperativismo na nosa comunidade”, contribúen a consolidar este movemento na comunidade galega, referendou a titular de Promoción do Emprego e Igualdade.

“Estamos perfilando a segunda Estratexia Galega de Economía Social despois do éxito acadado coa primeira, á que entre 2019 e 2021 destinamos máis de 89 millóns de euros e que beneficiou a máis de 3.000 entidades, superando con creces os obxectivos previstos”, lembrou Lorenzana, quen destacou que o acto polo Día do Cooperativismo celébrase este ano e Santiago de Compostela, “como non podía ser doutra maneira” xa que ostenta a capitalidade española da Economía Social durante 2022.

Os premiados

O evento de hoxe polo Día do Cooperativismo galego acolleu a entrega de galardóns dos Premios á Cooperación e do Certame do Cooperativismo no ensino.

 

No acto de Santiago resultaron recoñecidas Aventeira de Fene, por ter destacado no impulso dos valores e principios desta fórmula empresarial; 13 grados de Vigo, como  mellor proxecto cooperativo que traballa pola divulgación e conservación do medio mariño; e Agroflor, cooperativa agraria con sede no polígono de A Gándara, en Narón, fundada en 1985 e dedicada ao cultivo e comercialización de flores ornamentais, plantas e horta que resultou merecedora do recoñecemento á mellor traxectoria.

No acto fíxose entrega tamén dos premios a Proxectos Empresariais Cooperativos do Certame Cooperativismo no Ensino na modalidade de centros de Formación Profesional e ensinanzas de réxime especial, cuxos gañadores foron os representantes do CIFP Imaxe e Son da Coruña e o accésit para o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces (Pontevedra).

Con estes recoñecementos, a Xunta valoriza a labor diaria do cooperativismo galego e o seu esforzo. “Todos eles son proxectos diferentes pero que comparten as singularidades do cooperativismo e que benefician non só ao noso tecido económico, non so ao territorio do que forman parte, senón á sociedade galega no seu conxunto”, afirmou a conselleira.

Imaxes relacionadas