A Xunta avoga en Verín por políticas de conciliación e corresponsabilidade para impulsar a presenza feminina en postos directivos e garantir a igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na localidade ourensá no XVIII Foro da Igualdade organizado pola Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro)
 
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para facilitar a conciliación e a corresponsabilidade está a destinar este ano 16 millóns, máis do triplo que en 2021

Verín (Ourense), 2 de xullo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe en Verín, no XVIII Foro da Igualdade da Federación provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), a aposta da Xunta polas políticas de conciliación e corresponsabilidade para impulsar a presenza feminina en postos directivos e garantir, así, a igualdade de oportunidades no eido laboral. “Reforzar a presenza feminina en postos de poder contribúe a garantir que os pasos dados no eido laboral se afianzan”, sinalou.

 

López Abella destacou a importancia da celebración de foros como o de Verín, promovido por Femuro: “temos a obriga, como mulleres, de fomentar o debate da importancia do papel da muller nos postos de poder e de asegurarnos que a igualdade é un feito e non un obxectivo”, engadiu.

 

Para iso, indicou a importancia dos programas de conciliación e corresponsabilidade. Explicou que continúan sendo as mulleres as que teñen que dividir o seu tempo para coidar a persoas dependentes renunciando, para iso, a unha maior estabilidade laboral, á promoción laboral e económica.

 

A promoción da igualdade, especialmente as conducentes a facilitar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal e a corresponsabilidade, é un eido ao que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina este ano 16 millóns de euros, máis do triplo que en 2021. O orzamento materialízase, entre outras actuacións, no programa Emega de apoio ao emprendemento feminino; en axudas para compensar a redución da xornada laboral e fomentar a corresponsabilidade; e en apoios para promover a flexibilidade horaria e o teletraballo, ás entidades locais para fomentar a conciliación e aos autónomos para cubrir a baixa por maternidade ou paternidade ou ben para o coidado dos menores, maiores ou persoas dependentes.

 

A nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes, ademais, dedicará un capítulo enteiro ao benestar laboral nas organizacións para acadar a integración da perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento da calidade no emprego feminino. En concreto, ponse o foco en concienciar respecto da necesaria redistribución dos tempos de traballo, ofrecendo modalidades máis flexibles para desempeñar un posto de traballo e poder compatibilizar este exercicio coa atención das responsabilidades familiares.

Imaxes relacionadas