A Xunta apoia a 4º edición do programa Enrédate de Acadar para que 34 mulleres rurais con discapacidade da Coruña e Pontevedra avancen na súa autonomía

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe unha xuntanza de seguimento con representantes da Asociación de mulleres con discapacidade, Acadar

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade apoia a iniciativa con arredor de 20.000 euros

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2022

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da Asociación de mulleres con discapacidade, Acadar, na que fixeron seguimento das iniciativas que esta entidade desenvolve con apoio da Xunta. O encontro permitiu, principalmente, abordar os detalles do programa Enrédate que esta entidade desenvolve con financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e que permitirá atender de xeito personalizado e especializado un total de 34 mulleres con discapacidade residentes en contornas rurais das provincias da Coruña e Pontevedra, potenciando as súas capacidades e competencias para que poidan desenvolver unha vida autónoma.

 

Entre os obxectivos específicos desta iniciativa cómpre destacar a labor informativa acerca dos recursos dos que dispoñen estas mulleres, así como o deseño de estratexias individuais e de promoción da autoestima das beneficiarias. Parte do traballo pon o foco, ademais, no fomento da comunicación entre as mulleres e en mellorar as súas habilidades, así como en outorgarlles as ferramentas necesarias para previr e, no seu caso, facer fronte a posibles situacións de violencia de xénero.

 

O Goberno galego está a financiar este programa con case 20.000 euros no marco das axudas que a Secretaría Xeral da Igualdade convoca cada ano para apoiar a entidades de iniciativa social a desenvolver programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade.

 

Desde o inicio da súa actividade en 2009, a Xunta destinou cerca de 345.000 euros ao desenvolvemento de programas desta entidade que traballa en contacto directo con mulleres e que incide na participación activa de persoas con discapacidade residentes en zonas rurais onde, ás veces, as barreiras da contorna dificultan o seu pleno desenvolvemento persoal e social.

 

O programa Enrédate na súa cuarta edición ten previsto desenvolver actuacións en concellos das provincias da Coruña como Fisterra e Camariñas, e de Pontevedra, como Catoira, Pontecalderas ou A Illa, entre outros. 

Imaxes relacionadas