A Xunta lanza a campaña #Igualdadefollowers con 17 influencers que empregarán o efecto multiplicador das redes sociais para sensibilizar sobre a igualdade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe a iniciativa que busca trasladar á mocidade mensaxes a prol da igualdade e contra a discriminación por persoas con perfís dixitais referentes

Deportistas como Óscar Pereiro, Javier Gómez Noia, Adiaratou Iglesias ou Peque (futbolista do Pescados Rubén) colaboran na campaña, que conta tamén con persoeiros relevantes do eido das artes, a comunicación, a investigación e as redes
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe unha nova edición da campaña #igualdadefollowers, na que a Xunta, un ano máis, recurrirá ao efecto multiplicador das redes sociais e a persoas con influenza nelas, para trasladar á sociedade -sobre todo ás persoas mozas- mensaxes contra a violencia de xénero, a prol da igualdade, e contra as discriminacións.

Dezasete persoeiros do mundo do deporte, a moda, o xornalismo, a investigación ou as artes, participarán na iniciativa que, tal e como reflectiu a conselleira, buscou recompilar testemuñas de personaxes relevantes desde unha óptica multidisciplinar “para que, coa súa voz, criterio e experiencia, conseguisen chegar a transmitir o que a Consellería de Promoción do Emprego e a Igualdade fai co seu traballo diario”.

O Goberno galego aproveita a eficacia demostrada que teñen as Redes Sociais, para aproveitala e comunicar  cuestións  de transcendencia relacionadas coa igualdade entre mulleres e homes, a loita contra a violencia de xénero, a reivindicación de dereitos e liberdades, a reeducación sobre estereotipos moi prexudiciais, a maior tolerancia á diversidade, o rexeitamento absoluto á discriminación.

“Son moitos os retos e as cuestións latentes de carácter estrutural ás que debe facer fronte nosa sociedade, e as redes sociais poden ser unha moi boa ferramenta para achegarse a temas sensibles ou conflitivos dun xeito amable e pouco invasivo, sobre todo no que a mocidade se refire”, especificou Lorenzana. A conselleira fixo un chamamento á xente nova xa que, como destacou, segue sen recoñecer de pleno a violencia de xénero na contorna dixital “normalizando o control das parellas a través de dispositivos móbiles, influíndo seriamente nunha situación de maltrato psicolóxico, e establecendo roles de poder diferentes que adoitan situar ao xénero feminino nun estatus inferior ao masculino”.

Por este motivo a Xunta conta nesta campaña con persoas referentes, para que as e os guíen e lles expliquen como identificar, primeiro, e despois como combater as desigualdades que aínda persisten.

Tal e como remarcou a conselleira, con iniciativas como #IgualdadeFollowers a Xunta “aspira  a provocar un efecto dominó, un efecto multiplicador no que a xente fale, comente, comparta, debata, reflexione, defenda, visibilice... e axude a mudar perspectivas cara outras máis evolucionadas e fidedignas”.

A campaña desenvólvese en colaboración coa Asociación de Periodistas de Galicia e contará coas contribucións de persoas con ampla presenza en redes que suman milleiros de seguidores: Omaira Marcos (influencer especializada en moda), Adiaratou Iglesias (atleta, medalla de ouro e prata nos Xogos Olímpicos de Toquio), Manuel Jabois (xornalista e escritor), Ana Freire (enxeñeira e investigadora), Eva Porto (influencer especializada na busca de emprego), Paola Freire (especialziada en gastronomía), Héctor Castiñeira (enfermeiro e divulgador sanitario), José Tubío (premio internacional de investigación sobre cancro), Patricia González (capitana do equipo de fútbol sala Pescados Rubén de Burela), Lara Lars (ilustradora e arquitecta), Natalia Álvarez (CEO de Walamami), Luis Zahera (actor), Daniel Minimalia (músico, gañador de Grammy Latino 2020), Nuria Pérez (escritora), Emma Lustres (produtora audiovisual), Javier Gómez Noya (triatleta), e Óscar Pereiro (ciclista e comentarista deportivo).

Imaxes relacionadas