A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, estivo esta mañá cos participantes na primeira quenda do campamento de Furelos, en Melide

A Xunta inicia a campaña de verán máis ampla e variada da historia con máis de 10.800 prazas en actividades por toda Galicia

Fabiola García destaca que a programación estival do Goberno galego supón unha opor-tunidade de lecer para a mocidade e tamén un recurso de conciliación para as familias durante as vacacións escolares dos seus fillos

 

Melide, 1 de xullo de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe que Galicia inicia a campaña de verán para a mocidade máis ampla e variada de toda a historia, con máis de 10.800 prazas repartidas en campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos en establecementos turísticos e moitas máis actividades. Díxoo esta mañá na visita ás mozas e mozos que desde hoxe participan na primeira quenda do campamento xuvenil de Furelos, en Melide.

 

Fabiola García sinalou que o comezo da programación estival da Xunta é un momento moi agardado tanto polos mozos como polas súas familias, pois supón unha oportunidade de ocio e lecer para os primeiros e tamén un recurso de conciliación para as nais e pais durante as vacacións escolares dos seus fillos. De aí que o Goberno galego amplíe cada ano a súa oferta de actividades de verán e de prazas ata as 10.800 desta edición, 3000 máis que o ano pasado e 1000 máis que antes da pandemia.

 

Nas instalacións de Furelos, en Melide, o Goberno galego desenvolverá cinco quendas repartidas entre xullo e agosto con 60 prazas cada unha. Os participantes neste campamento realizarán distintas actividades relacionadas coa natureza como xincana de aventuras, bicicleta de montaña, orientación, sendeirismo, tiro con arco, canoa ou excursións para coñecer a contorna dun concello que é unha das paradas do Camiño de Santiago.

 

Ademais, co obxectivo de facer a estancia dos participantes máis confortable, a Xunta realizou nos dous últimos anos actuacións de mellora neste campamento de Furelos, cun investimento de 75.000 euros. Os traballos consistiron, basicamente, na substitución das tendas de campaña, das mesas do comedor e na renovación do peche das instalacións.

 

Campos de voluntariado e minicampamentos

Baixo o lema O verán que queres contar, a campaña estival da Xunta para este ano 2022 inclúe campamentos en 36 instalacións repartidas por todos os concellos galegos para mozas e mozos de entre 9 e 17 anos. Tamén contempla 45 campos de voluntariado en Galicia e noutras Comunidades Autónomas e no estranxeiro para maiores de idade ata os 30 anos; así como programas de intercambio bilateral con outras comunidades.

 

Outras das ofertas desta campaña de verán son os minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos; e estancias en instalacións xuvenís para entidades ou asociacións.

 
 

Imaxes relacionadas