A Xunta promove en Sanxenxo a relación da moda e da artesanía de Galicia nun pop up conxunto coa empresa téxtil D-due

Na Sanxenxo Summer Shop Artesanía de Galicia & D-due pódense mercar pezas dunha trintena de obradoiros artesáns desde hoxe e ata o 31 de agosto
Por segundo ano consecutivo, esta iniciativa ofrecerá unha mostra do talento galego e da alta calidade da moda, do feito a man e da artesanía galega
 

Sanxenxo (Pontevedra), 1 de xullo de 2022

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, promove a comercialización de pezas da marca nunha tenda pop up organizada en colaboración coa marca de moda D-due. O Pop Up Artesanía de Galicia & D-due estará aberto ao público en Sanxenxo (na rúa Luis Vidal Rocha, 6) durante os meses de xullo e agosto.

 Por segundo ano consecutivo, a Xunta impulsa esta iniciativa coa que se busca ofrecer unha mostra do talento galego e da alta calidade da moda, do feito a man e da artesanía feita en Galicia, vinculada a unha empresa téxtil de referencia como é D-due.
 

Ata o 31 de agosto poderanse atopar neste establecemento efémero pezas de 31 obradoiros da marca Artesanía de Galicia –un número que se verá incrementado ao longo do verán– que están especializados na olería tradicional, na cerámica, na madeira, na cestería tradicional, no tecido, na elaboración e reparación de redes, nos coitelos, na elaboración de zocos, no traballo co coiro, na elaboración de figuras con miga de pan (“sanandresiños”), na papiroflexia, no encaixe, na xoiería, na cestería de palla na elaboración de complementos e no traballo co feltro.

Os obradoiros que venderán as súas pezas no pop up son Alberto Lista e Alfarería Rulo, de Buño (Malpica de Bergantiños); Alfarería Agustín, Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo); os obradoiros da Coruña Arobe Cerámica, Artefíos, Branqueta e Pepe Otero Oleiro; os da Estrada Artesanía Ferradáns, Druída e Atalanta Madera; os obradoiros composteláns Boina Galega e Jatafarta; Artesanía Armaior (Quiroga); Celso Núñez Ferreiro (A Fonsagrada); Centro de Recuperación da Cultura Popular (Mondariz); Cerámica Unzueta (Brión); Concha Canoura (Culleredo); Elena Ferro (Vila de Cruces); Fundación Terra Termarum Castrolandín (Cuntis); Jorge Bellón (Cedeira); Laura Delgado (Cambre); MAF Artesanía (Riotorto); María Isabel Liñares Recimil (Silleda); Mayer Joyeros (Teo); Mimadriña (Fisterra); Miolos Design (Pontevedra); Raquel García Hernández (Baiona); Raposiñas (A Pobra do Caramiñal); Rectoral de Gundivós (Sober); Redeiras Artesás (Corme, Ponteceso); e o cesteiro Antonio Suárez Dávila e os obradoiros  A Casa Rodante, Carlos San Claudio e Xar Arte en Madera, de Vigo.
 
D-dUE
D-due é unha empresa téxtil con orixe no ano 1960, dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo desde a década dos 90. Ao longo dos máis de vinte anos que levan traballando, a marca D-due amosou as súas creacións en todo o mundo: as semanas da moda de París e Milán; Madrid, Barcelona, Berlín ou Toquio, son citas recorrentes cada tempada. A difusión internacional de D-due consolidouse ao longo dos últimos anos coa súa presenza nunha ampla variedade das tendas e dos grandes almacéns máis exclusivos de Italia, Francia ou Corea do Sur entre outras cidades clave do panorama da moda mundial.
 

A marca Artesanía de Galicia xa ten colaborado noutras ocasións con esta empresa téxtil de Rianxo en eventos de comercialización conxunta como o que terá lugar este verán en Sanxenxo.

Imaxes relacionadas