A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do produtor musical e o presidente da Autoridade Portuaria, presentou esta mañá o evento que forma parte da programación musical patrocinada pola Xunta

O Festival ‘Sons de Curuxeiras’ incorpórase ao ciclo de concertos do Xacobeo 21-22 en Ferrolterra

Outra das citas máis esperadas na cidade, despois de dous aprazamentos, será a da cantante galesa Bonnie Tyler que actuará no Porto o 22 de xullo

Aneiros destacou que a Xunta avogou por descentralizar a oferta lúdica e cultural deste ano para que as diferentes localidades se beneficien do retorno económico que suporán estas celebracións

Ferrol, 1 de xullo de 2022 O festival ‘Sons de Curuxeiras. Música dos Navegantes’ é a última incorporación ao ciclo de concertos do Xacobeo 21-22 que a Xunta de Galicia patrocinará este ano na comarca. A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, acompañada do produtor executivo do evento, Maximino López e o presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea, presentaron esta mañá no Peirao de Curuxeiras a programación do evento.

 

A cita terá lugar os días 8, 9 e 10 de xullo no porto ferrolá, coincidindo coa celebración da II Regata O Camiño comeza no Mar e nace coa idea de “recoller a fusión de músicas que a cidade de Ferrol ten asimilado como os cantos de taberna, rondallas, bandas de rock...”, indicou Aneiros.

 

O produtor executivo do evento, Maximino López, debullou o cartel do evento protagonizado por grupos locais ou cunha vinculación á cidade como Nuevo Plan, Los Primerizos, No More Bullshit o Pancho Varona. A entrada será gratuíta.

 

Tamén despexou as dúbidas sobre outra cita moi esperada na cidade: a actuación da cantante Bonnie Tyler que finalmente, e tras dous aprazamentos debido á pandemia, chegará a Ferrol no marco da proposta Ferrol Veran Festival. Actuará no Peirao de Curuxeiras o venres 22 de xullo ás 22.30 horas, precedida de artistas como Malditos Pendejos ou Janis Joplin Tributo. Neste caso, as entradas teñen un custe de 20 euros e están á venta a través da web ataquilla.com.

 

Na súa intervención, a delegada territorial agradeceu o traballo dos “promotores e organizadores destes eventos musicais” pola súa contribución a “poñer a comarca e  a Galicia á vangarda do panorama musical nacional e mesmo europeo neste ano tan especial como é o do Xacobeo”.

 

Martina Aneiros destacou o importante esforzo que se ten feito na Xunta, a través do Xacobeo 21-22 á hora de apoiar este eventos, así como o obxectivo de procurar unha descentralización da oferta lúdica e cultural deste ano para que as diferentes localidades se beneficien do retorno económico que suporán estas celebracións. “Penso que o estamos a conseguir”, dixo.

 

Pola súa parte, o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, Francisco Barea, agradeceu á Xunta, e nomeadamente á delegada territorial, a súa axuda e implicación á hora de conseguir facer do porto de Ferrol un lugar de encontro no que gozar da cultura e do deporte e puxo estes concertos do Xacobeo como exemplo da coordinación entre administracións.

 
Artistas de sona nacional e internacional

Na comarca de Ferrolterra, a Xunta de Galicia vai financiar e apoiar preto dunha decena de espectáculos, moitos deles con artistas de sona nacional como os de Coque Malla (o 26 de agosto, no paseo de Xuvia de Narón) ou Rozalén (na mesma data na praza de Armas de Ferrol), pero tamén internacional como o grupo irlandés Wolfstone ou o escocés Talisk. Ambos, xunto a Tanxugueiras, Luar na Lubre, Red Hot Chilli Pipers ou Susana Seivane, entre outros, compoñen un dos programas máis prolixos de cantos se deseñaron para o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira, que este ano se celebra do 10 ao 17 de xullo.

 

Completa as propostas dos concertos do Xacobeo 21-22 para este mes de xullo, o festival Jazz ao Norte que tamén traerá a Ferrol figuras internacionais como Hanna Williams, Chano Domínguez e Nouvelle Vague, a partir da próxima semana.

Imaxes relacionadas