A Xunta convoca por segundo ano as axudas para a contratación de mulleres vítimas da violencia de xénero en entidades sen ánimo de lucro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe este programa de apoios que se poderá solicitar desde mañá e ata o próximo 1 de agosto

Grazas a esta medida estreada o pasado ano acadouse a incorporación de 32 mulleres a 22 entidades beneficiarias

O Goberno galego traballa coa prioridade de garantir a independencia económica das vítimas de violencia de xénero e que poidan avanzar na súa recuperación
 

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a  convocatoria, por segundo ano consecutivo, do programa de axudas estreado en 2021 e destinado a que entidades e cooperativas sen ánimo de lucro contraten a mulleres vítimas de violencia de xénero, co que se aspira a garantirlles unha oportunidade laboral para avanzar no camiño da súa recuperación.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste nesta liña de incentivos un total de 550.000 euros. A medida está destinada a apoiar a independencia económica das vítimas. Para a Xunta é clave garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral.

Para acadalo, artéllanse apoios que van dos 15.940 aos 31.881 euros anuais pola contratación de cada muller contratada a tempo completo, en función do grupo de cotización. A duración dos contratos prevista nesta convocatoria debe chegar, como mínimo, aos 4 meses. En canto a xornada de traballo, deberá ofertarse a tempo completo ou parcial, neste último caso nunca por baixo do 50%.

A Xunta inclúe como requisito que as entidades beneficiarias promovan a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas que deberán realizar as súas funcións en centros de traballo dentro da comunidade.

As destinatarias finais destes apoios serán vítimas da violencia de xénero, incluídas as afectadas por violencia vicaria, así como mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual. En todos os casos deberán figurar inscritas como demandantes de emprego ou de mellora do mesmo no servizo público de emprego galego.

O prazo para solicitar os apoios permanecerá vixente ata o próximo 1 de agosto.

A convocatoria do ano pasado permitiu a incorporación laboral dun total de 32 traballadoras vítimas da violencia de xénero en 22 entidades beneficiarias.

A medida, de nova implantación o ano pasado, súmase aos apoios que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina aos concellos cada ano para a incorporación de vítimas da violencia de xénero. A Xunta destina este ano un orzamento de 1,4 millóns de euros a sufragar a contratación de mulleres vítimas por parte de entidades locais (concellos, grupos de municipios, consorcios ou mancomunidades). Un total de 32 concellos e 2 mancomunidades participarán este ano no programa que terá como beneficiarias a 66 mulleres. 

Imaxes relacionadas