A Xunta destaca que o Premio Peme do Ano da Coruña potencia aspectos clave para a transformación do tecido empresarial galego

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, alentou a todos os participantes a “seguir apostando pola dixitalización, a formación, a internacionalización e a sustentabilidade”

A naronesa Gabadi, auxiliar do sector naval, obtivo o máximo galardón deste certame organizado polo Banco Santander e as Cámaras de Comercio de Santiago e A Coruña

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022 O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asistiu hoxe en Santiago de Compostela ao acto de entrega de galardóns da XI edición do Premio Peme do Ano 2022 da Coruña. O director destacou que este tipo de certames contribúen a potenciar aspectos clave para a transformación do tecido empresarial galego. Así, Heredia destacou o apoio das cámaras de comercio ás empresas e insistiu en que as pemes participantes deben “seguir apostando pola dixitalización, a formación, a internacionalización e a sustentabilidade”. Ademais, felicitou ao equipo humano da empresa gañadora do premio, a naronesa Gabadi, auxiliar do sector naval, que na pasada edición recibiu o accésit de internacionalización.

 

Os premios que hoxe se entregaron están promovidos polo Banco Santander, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio da Coruña, co obxectivo de recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas como xeradoras de riqueza e creadoras de emprego. Para a elección da peme gañadora, o xurado valorou méritos tales como a creación de emprego; as accións de formación para os empregados; a internacionalización da empresa; as iniciativas de dixitalización e innovación, así como os proxectos sostibles nos que participaron.

 

Ademais da elección da Peme do Ano, o xurado concedeu tamén catro accésits nas categorías de Internacionalización, Innovación e Dixitalización, Formación e Emprego e Peme Sostible. A empresa gañadora concorrerá ao Premio Nacional Peme do Ano 2022, que se fallará no primeiro trimestre de 2023. Igualmente, as gañadoras dos diferentes accésits concorrerán ao Premio Nacional nas súas respectivas categorías.

Imaxes relacionadas