Rueda avanza que a Xunta asinará novos acordos cos sectores produtivos para financiar a formación de máis de 15.500 persoas e dar resposta á demanda de emprego

Explica que a Xunta formalizará novos convenios de colaboración coa Fundación Laboral da Construción, a Federación Galega de Comercio, o Clúster Bioga e unha addenda ao acordo xa firmado con Ceaga por importe de 2,3 M€

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade xa asinou o pasado maio e no mesmo senso outros cinco convenios de colaboración: con TIC Galicia, Aclunaga, Ceaga, Asime e Cluergal para cualificar a 10.377 persoas ocupadas e desempregadas

Investiranse en global máis de 5,7 M€ a través destes acordos en que participan nove entidades, o que permitirá a realización de máis de 500 cursos
 

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022. - O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe tras a reunión do Consello da Xunta de novos convenios de colaboración coa Fundación Laboral da Construción, a Federación Galega de Comercio, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga) e a Federación Galega de Redeiras Artesás; e unha addenda con Ceaga (clúster da automoción) para formar a persoas traballadoras ocupadas ou sen emprego, co obxectivo de impartir cualificación axustada á demanda laboral e dar resposta, deste xeito, ás necesidades de persoal que precisa o mercado de traballo impulsando, así, a competitividade.

“É preciso axustar a formación dos traballadores á demanda de emprego que hai na actualidade”, explicou, ao tempo que sinalou que a Xunta destinará a esta actuación 2.287.469 euros, o que permitirá cualificar a 5.054 persoas ocupadas e sen emprego a través da impartición de 307 cursos. A addenda co clúster da automoción, con Ceaga, responde ao incremento do número do alumnado aos cursos que se están impartindo debido á boa acollida da iniciativa. Por iso, auméntase agora o importe asinado inicialmente con Ceaga no mes de maio.

Esta iniciativa que agora autoriza o Consello da Xunta súmase aos convenios de colaboración, xa en execución, que o pasado mes de maio asinou a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade cos clústers TIC Galicia, de tecnoloxías e comunicación; Aclunaga, do sector naval; Ceaga, da automoción; Asime, do eido do metal e tecnoloxías asociadas; e Cluergal, representante do ámbito das enerxías renovables. A través desta actuación invístense 3,5 millóns de euros para formar a 10.377 persoas a través de 249 accións formativas que deseñaron cada un dos clústers.

En global, o Goberno galego está a destinar máis de 5,7M€ de euros á sinatura destes acordos nos que participan nove entidades, o que permitirá a formación dunhas 15.500 persoas a través de más de 500 cursos.

A formación para o emprego que se imparta terá carácter non formal, polo que deberá estar relacionada co Catálogo nacional de cualificacións profesionais co fin de que poida ser acreditada para a posterior obtención dun certificado de profesionalidade. Esta actuación redundará, polo tanto, na mellora das persoas traballadoras ocupadas e sen emprego ao incrementar as súas oportunidades laborais; e do tecido produtivo, xa que a formación será axustada ás súas necesidades. Contribúese, así, ao desenvolvemento profesional das persoas traballadoras e ao aumento da innovación e produtividade das empresas.

“Estes cursos enmárcase dentro do Plan galego de formación para o emprego no que a Xunta inviste este ano 100 millóns de euros”, dixo, recordando que hoxe mesmo remata o prazo de solicitude para optar á impartición de cursos para persoas desempregadas (AFD). Só nesta actuación, a Xunta dedica preto de 50 millóns de euros, un 12 % máis que o pasado ano.

Axenda Galega de Capacidades

A formación para o emprego axustada ás necesidades do tecido produtivo é unha prioridade para a Xunta de Galicia enmarcada na Axenda Galega de Capacidades, concibida como estratexia global de modernización do servizo público de emprego que permitirá avanzar a Galicia na senda do crecemento. 

 

A Axenda convértese neste senso nunha ferramenta clave na comunidade para aumentar a produtividade das empresas e ofrecer novas oportunidades laborais á cidadanía. Para acadalo a Xunta promoveu a xuntanza de mesas de traballo focalizadas en sectores estratéxicos para analizar as necesidades do mercado e axustar a cualificación das persoas traballadoras ás mesmas. Tamén no marco da Axenda, estanse a renovar as dependencias das oficinas de emprego, deseñar un software baseado en intelixencia artificial que permitirá un emparellamento eficaz da oferta e a demanda de emprego e se está afondar na mellora do servizo de orientación, entre outras medidas.

 

Así mesmo, o Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego, realizado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, busca poder elaborar unha proposta das cualificacións profesionais que serán necesarias para facer fronte aos empregos do futuro e tratar de prever, deste xeito, os futuros requirimentos formativos que serán demandados desde o mercado laboral.


 

 


Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta