O director xeral de Cultura e o director da Fundación Catedral de Santiago presentan o recital de música antiga co que se inaugura a exposición que se poderá ver en verán

Un concerto na catedral abrirá a exposición ‘Chacona. A canción de Santiago’ que vincula o fenómeno xacobeo con esta danza e forma de expresión musical

Será o xoves 7 de xullo a cargo da agrupación Resonet, coa colaboración da Escolanía da Catedral de Santiago e o obradoiro de música tradicional Ultreia

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, presentaron  hoxe o concerto co que se abrirá a programación de Chacona. A canción de Santiago, a gran exposición deste verán no Museo das Peregrinacións e de Santiago coa que se afonda nos vínculos desta danza e forma de expresión musical co fenómeno xacobeo.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a importancia desta proposta “por afondar nun aspecto ata o de agora descoñecido e pouco investigado como as relacións desta forma de expresión musical con Galicia e co Camiño de Santiago”.  Salientou, neste sentido, o “inxente traballo de investigación” levado a cabo polo seu comisario, Fernando Reyes, para facer posible esta mostra con pezas orixinais e únicas que permitirán “afondar dun xeito didáctico na historia da chacona, unha ancestral forma de expresión musical, de danza e estrutura construtiva que é considerada como un dos tesouros da cultura barroca”. “Non hai mellor maneira que compartir a súa historia co público a través desta proposta expositiva e musical”, declarou.

 
Repertorio histórico do Camiño

O concerto correrá a cargo de Resonet, grupo especializado na interpretación de música antiga que ten contribuído ao coñecemento e desfrute do repertorio histórico e patrimonial do Camiño de Santiago e que mostrará un percorrido polas orixes da chacona. Acompañados pola Escolanía da catedral de Santiago e o Obradoiro de Música Tradicional Ultreia, os instrumentistas e cantantes de Resonet interpretarán por primeira vez despois de cinco séculos o canto Sante Jaco a Compostel, a que está considerada como a primeira chacona escrita da historia, que foi transcrita polo peregrino inglés Willian Wey no seu diario de peregrinación.

 

Tamén se escoitarán pezas como o canto Vox Nostra do Códice Calixtino, así como obras de autores como José de Vaquedano e Diego de Muelas, mestres da Catedral de Santiago, Claudio Monteverdi, Purcell e Haendel, xunto outras menos coñecidas pero moi significativas e de grande orixinalidade como a Ciaccona di Paradiso e Inferno, de temática compartida co Pórtico da Gloria. No concerto realizaranse, ademais, danzas devocionais seguindo as descricións do peregrino Domenico Laffi, da súa experiencia vivida na Catedral de Santiago en 1670. O recital é de entrada gratuíta ata completar a cabida, que está fixada en máis de 400 persoas. Celebrarase a partir das 21,00 horas na Catedral de Santiago e os convites poden retirarse na web da Fundación Catedral de Santiago.

 
Colaboración de coleccionistas e museos

O concerto enmárcase na programación da exposición que se poderá ver a partir do día 8 de xullo no Museo das Peregrinacións e de Santiago Chacona. A Canción de Santiago, que pon o seu foco nesta danza e forma de expresión musical que estivo presente na cultura occidental desde os principios do século XVII ata os nosos días. Unha das grandes achegas da exposición será o estudo dos vínculos da chacona coa cidade de Compostela e o Camiño de Santiago, a partir do canto que o peregrino inglés Willian Wey transcribiu no seu diario de peregrinacións, que está considerada como a primeira chacona da historia.

 

Está comisariada por Fernando Reyes Ferrón, director musical de Resonet que iniciou a súa formación musical na Escolanía da Catedral de Santiago e se especializou nos conservatorios Toulouse e na Musikhochschule de Trossingen de Alemaña. Fórmana máis dun cento de pezas, entre as que figuran obras artísticas orixinais, gravados, fondos documentais, musicais, reproducións, instrumentos musicais, libros de música ou partituras, que se complementan con elementos sonoros que estarán integrados na mostra como un dos seus principais contidos. Cóntase coa colaboración, entre outros, da Colección Abelló, o Museo de Historia de Madrid, o Museo da Catedral de Santiago, o Museo do Pobo Galego, o Museo da Casa da Troia ou a colección Fernando Reyes.