A conselleira do Mar participou na gala dos Premios Excellence de Cruceiros na que se premiou a entidades vencelladas con este sector
A Xunta enxalza o potencial do tráfico de cruceiros en Galicia e as súas vantaxes para o turismo
A Autoridade Portuaria da Coruña outorgou neste evento un galardón ao sector sanitario e ás forzas e corpos de seguridade de Galicia, que foi recollido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña
Rosa Quintana agradeceu á organización do evento que designase por segunda ocasión á Coruña como sede oficial da gran cita internacional que representan os Premios Excellence de Cruceiros
Destacou o compromiso da comunidade galega para seguir traballando no incremento do tráfico de pasaxeiros e a importancia de acoller iniciativas coma este evento para contribuír a ese obxectivo
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo o potencial de Galicia no ámbito do tráfico de cruceiros e as vantaxes que ten para o turismo. Así o sinalou durante a XV gala dos Premios Excellence de Cruceiros, organizada por Cruises News Media Group e na que se premiou a entidades vencelladas coa industria de cruceiros. Ademais nesta gala a Autoridade Portuaria da Coruña outorgou un recoñecemento ao sector sanitario e ás forzas e corpos de seguridade de Galicia polo labor desenvolvido durante a pandemia e que foi recollido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
A titular de Mar agradeceu á organización do evento que designase por segunda ocasión a Galicia, en concreto á Coruña, como sede oficial desta gran cita internacional. Nesta liña, aproveitou para destacar o peso desta cidade no ámbito do tráfico de cruceiros, que neste ano prevé a chegada de ata 150 transatlánticos.
Ademais, subliñou que na última década a cidade herculina recibiu a visita de preto dun millón e medio de pasaxeiros e que recalaron nela case 1.000 cruceiros. A isto engadiu que o tráfico de cruceiros recuperou o ritmo, tras as dificultades derivadas da situación da pandemia.
Neste sentido, a conselleira destacou o compromiso de Galicia para seguir traballando no incremento do tráfico de pasaxeiros e puxo como exemplo a importancia de acoller iniciativas como a gala dos Premios Excellence de Cruceiros para contribuír a este obxectivo.
Rosa Quintana tamén aproveitou a ocasión para felicitar á xunta de obras do porto da Coruña, a orixe do que na actualidade é a Autoridade Portuaria da Coruña, polos 145 anos da súa constitución. A este evento, xunto coa conselleira do Mar e o conselleiro de Sanidade, tamén asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.
Premios Excellence de Cruceiros
Os Premios Excellence de Cruceiros outórgaos desde o ano 2008 Cruises News Media Group. Son os únicos galardóns especializados na industria de cruceiros en España e que anualmente recoñecen, a través de diferentes categorías, o labor dos seus protagonistas da man dos resultados dunha enquisa entre os seus clientes.