O presidente da Xunta, acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, reuniuse con representantes de Reganosa e EDPR

Rueda destaca que a planta de hidróxeno promovida nas Pontes por Reganosa e EDP Renovables suporá un investimento de ata 165 M€

Avanza que será a primeira iniciativa en Galicia que a Xunta tramitará como Proxecto industrial Estratéxico (PIE) para facilitar a súa materialización

Incide nas vantaxes desta figura de tramitación, como son a prioridade na tramitación, a redución á metade dos prazos do procedemento ou a axilización nos tramites urbanísticos para a construción
 

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que a iniciativa de Reganosa e EDP Renovables para instalar unha planta pioneira de produción de hidróxeno renovable nas Pontes de García Rodríguez suporá un investimento de ata 165 millóns de euros e xerará 210 empregos na construción e outros 100 tras a súa posta en marcha, a metade directos e a outra metade inducidos.

Rueda agradeceu ás dúas empresas á súa aposta por Galicia e pola nosa industria e avanzou que será a primeira iniciativa da Comunidade que a Xunta tramitará como Proxecto industrial Estratéxico (PIE), para facilitar a súa materialización. Ademais, a planta terá unha capacidade instalada inicial de 20 Megavatios, aumentable ata os 100 MW, e poderá producir 14.400 toneladas de hidróxeno que evitarán as emisións de 150.000 toneladas de CO2.

Esta figura específica implica varias vantaxes, como a prioridade na tramitación, a redución á metade dos prazos do procedemento ordinario ou a axilización de toda a tramitación urbanística e a ligada ás autorizacións para a construción, ao tempo que se manteñen todas as garantías desde o punto de vista técnico, xurídico e medio ambiental. “Unha aposta desta envergadura cremos que debe contar co máximo respaldo por parte das Administracións e a Xunta, desde logo, vaillo prestar”, asegurou.

O titular do Goberno galego, xunto co vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, reuniuse co presidente e co director xeral de Reganosa, Carlos Collantes e Emilio Bruquetas, respectivamente, e coa directora xeral en España de EDP Renovables, Rocío Sicre, para abordar esta iniciativa. Analizaron o proxecto de futuro que permitirá reindustrializar a localidade e, con ela, achegar novas oportunidades para a contorna e para a industria galega, ante unha transición enerxética desordenada que provoca, por exemplo, o próximo peche da central térmica das Pontes. Nese sentido, recordou tamén o proxecto que Ence ten de crear un Polo de Economía Circular e Biomateriais no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez.

O presidente reiterou o seu apoio aos promotores do proxecto na procura dun respaldo no reparto de fondos europeos Next Generation, debido ao máximo interese do Goberno galego por implantar industrias tractoras que contribúan á consolidación do tecido empresarial, especialmente as pemes. Neste senso, insistiu para que o Goberno central axilice e concrete o reparto de fondos, non só neste caso, senón en todas as iniciativas estratéxicas para Galicia que agardan por ese financiamento.

“Seguimos tendendo a man para que o Goberno, que se reservou o 100% do reparto dos fondos asociados á industria, conte coas comunidades para xestionar os fondos”, concluíu.

Imaxes relacionadas