A Xunta licita a reforma do ximnasio do IES Alexandre Bóveda cun investimento de 342.000 euros

A delegada territorial de Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este mércores o centro educativo no que está previsto levar a cabo a mellora da infraestrutura deportiva e os vestiarios.

Vigo, 29 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este mércores o IES Alexandre Bóveda despois de que o Goberno galego licitase o contrato público para a reforma do ximnasio e os vestiarios do centro escolar cun investimento de 342.000 euros.

 

Logo dun percorrido polo instituto xunto a César Pérez Ares, xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia e a Dirección do centro, Fernández-Tapias apuntou que se trata dunha obra que ten un prazo de execución de tres meses, para o que será necesario que o Concello de Vigo autorice canto antes a licencia preceptiva.

 

A representante autonómica explicou que mediante a mellora da envolvente (fachadas, cubertas e carpinterías), preténdese optimizar o comportamento enerxético do ximnasio garantindo uns maiores niveis de confort e reducindo o gasto das instalacións de climatización.

 

Ademais, durante o percorrido polo centro tamén apuntou que a substitución das luminarias existentes por outras de tipo LED, permitirá igualmente reducir o consumo de electricidade. Igualmente, debido aos altos niveis de humidade existentes no ximnasio, é necesario implementar un sistema de extracción que facilite a renovación de aire e permita condicións de confort e seguridade ante o COVID-19.

 

Fernández-Tapias tamén explicou que a día de hoxe a Xunta contempla unha trintena de grandes actuacións con investimentos en 27 centros educativos do municipio de Vigo para o período de 2022 a 2025, entre os que se inclúen San Tomé e Navia.

 
San Tomé, CSM e Virxe do Rocío

A delegada territorial engadiu que xa están en execución 2,6 millóns en tres infraestruturas (San Tomé, Conservatorio Superior de Música e CEIP Virxe do Rocío), hai outros 16 investimentos aprobados e pendentes de iniciar por valor de 2,7 millóns e 1,2 millóns máis para obras en proxecto, redacción ou licitación. Por último, outras tres actuacións están programadas ou en valoración cun custe de 17,1 millóns, entre eles os case 12 do IES de Navia.

 

No que se refire ás obras menores en centros educativos de Vigo, a Consellería de Educación levará a cabo un investimento de 1,4 millóns de euros entre 2021 e 2022.

Imaxes relacionadas