A Xunta recibe na praza do Obradoiro aos mozos e mozas do ‘Campamento Crece’ da Federación Alcer

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre, recibiu esta mañá na Praza do Obradoiro aos mozos e mozas do Campamento Crece, organizado pola Federación Nacional Alcer, tras realizar unha etapa do Camiño de Santiago.

 

Esta actividade, que retoma a súa presencialidade despois de dous anos de parón a causa da pandemia, mozos e mozas de entre 8 a 17 anos con enfermidade renal desfrutan dunhas vacacións de verán. Trátase dunha iniciativa que cada ano se celebra nunha zona de España, neste 2022 volve realizarse en Galicia, nove anos despois de que acollese o campamento por última vez.  

 

Ademais da oferta de ocio e lecer, esta convivencia ten un carácter educativo, posto que se busca que os participantes aprendan a tomar conciencia e se responsabilicen da súa alimentación e do seu tratamento.

 

Durante a recepción dos mozos, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, puxo en valor a existencia deste tipo de programas, dirixidos a mellorar a calidade de vida dos menores que conviven coa enfermidade renal e ás súas familias.

Imaxes relacionadas