A Xunta avoga por facilitar ás empresas galegas as ferramentas necesarias para achegar as tecnoloxías da industria 4.0

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou por videoconferencia, na Xornada Demostrativa Industria 4.0, onde puxo en valor as posibilidades que ofrece o programa Activa Industria 4.0

Guldrís destacou que ante a incerteza do momento actual, xorde “un escenario de oportunidades” cos fondos europeos Next Generation

O encontro incluíu demostracións das tecnoloxías aplicables da nova industria e presentacións de caso de éxito en transformación dixital de empresas
 

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe, durante a Xornada Demostrativa Industria 4.0, na que participou por videoconferencia, a importancia dos investimentos que as pemes realizan no ámbito da transformación dixital como instrumentos de impulso da competitividade do tecido produtivo galego. Neste sentido, avogou por facilitar ás empresas galegas as ferramentas necesarias para achegar as tecnoloxías da Industria 4.0, na procura de promover “unha industria mais innovadora, máis forte e máis adaptada ás demandas actuais”.

 

Guldrís explicou que o programa Activa Industria 4.0, promovido en colaboración coa Secretaría Xeral de Industria e da Peme, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, facilita asesoramento para que as pemes avancen na súa dixitalización, como parte dos obxectivos da Axenda 4.0. “Desde a Xunta temos claro que debemos estar ao carón das empresas, sendo os catalizadores e promotores do desenvolvemento da Industria 4.0 en Galicia”, incidiu. Sobre esta base, o director do Igape afondou nas cifras acadadas na última convocatoria polo programa Activa Industria 4.0, con 28 empresas beneficiadas que xa teñen consultaría asinada e xa están en marcha na plataforma de xestión do programa. “Isto só é posible coa colaboración e o traballo conxunto de todas as institucións, con iniciativas e programas como os que hoxe estamos a poñer en valor”, afondou Guldrís, quen destacou tamén que, ante a incerteza do momento actual, xorde “un escenario de oportunidades” marcado polos fondos europeos Next Generation.

 

A xornada celebrada hoxe incluíu demostracións das tecnoloxías aplicables da nova industria, así como presentacións de caso de éxito en transformación dixital de empresas que desenvolven procesos deste tipo, realizadas por representantes do Grupo Marsans e de MRF Solutions.

Imaxes relacionadas