A Xunta espallará os concertos do Xacobeo en xullo e agosto por 9 concellos da provincia con arredor de 70 artistas de primeiro nivel para celebrar un Ano Santo extraordinario

A programación de “Concertos do Xacobeo” inclúe 16 eventos musicais nas comarcas da Coruña, Barbanza, Santiago e Costa da Morte, con actuacións de diferentes estilos que percorrerán vilas e cidades nun espectáculo descentralizado

A Coruña, 28 de xuño de 2022 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou, esta mañá, a programación de Concertos do Xacobeo, un evento que espallará música e espectáculo por toda a provincia con arredor de 70 artistas de primeiro nivel que chegarán a varios concellos da provincia con 16 eventos musicais para celebrar un Ano Santo extraordinario.

No acto de presentación estivo acompañado por algúns dos principais promotores destes concertos e festivais que se atopan nestes momentos inmersos na organización dos mesmos  que chegarán da man da Xunta ás cidades de Santiago e Coruña, e aos municipios de Fisterra, Ribeira, Ames, Arteixo, Padrón, Betanzos e Zas dentro dos eventos xa confirmados.

A Xunta de Galicia deseñou un espectáculo descentralizado que quere dar protagonismo ao carácter global dun evento internacional como é o Xacobeo que se espalla por varios concellos das comarcas da Coruña, Barbanza, Santiago e Costa da Morte. Así, durante os meses de xulllo e agosto, os coruñeses desfrutarán dunha oferta musical que terá un importante retorno económico nos lugares nos que se celebran os eventos musicais e que reforzará a sona internacional que o Ano Santo dá a Galicia.

A programación de Concertos do Xacobeo inclúe 16 eventos musicais, entre os meses de xullo e agosto, en 9 concellos coruñeses con actuacións de diferentes estilos e para todos os públicos. Actuarán artistas como Rosalía, Imagine Dragons, C. Tangana, Maluma, Nil Moliner, Seguridad Social ou Lola Índigo entre outros moitos, ademais do mellor da música galega, con Iván Ferreiro, Xoel López, Tanxugueiras ou Roi Casal.

Outras moitas figuras do panorama galego, nacional e internacional, ata sumar 70 artistas, participarán tamén importantes festivais que se van celebrar este ano da man do Xacobeo, como o Noroeste, Atlantic Pride Morriña Fest e Neox Music Day na cidade da Coruña, O Pasatempo e Betanzos, ou o Festival da Carballeira en Zas.

Os interesados poderán consultar a programación na páxina web concertosdoxacobeo.gal, que se irá actualizando periodicamente. Tamén poderán facelo nas distintas páxinas web e redes dos festivais e ciclos dos concertos previstos.

Pola súa banda, Trenor  referiuse á ilusión e simbolismo que supón recobrar as grandes celebracións musicais que durante os últimos anos identificaron o Xacobeo. Salientou, ademais, o “enorme revulsivo” que estes concertos suporán para todos os profesionais da cultura e, por extensión do conxunto da economía galega, que esperan que o Ano Santo sexa un “verdadeiro dinamizador e un multiplicador tanto da actividade como do consumo cultural”.

O delegado da Xunta subliñou que “toda esta programación axudará para ter un verán estratosférico para o turismo na cidade e na provincia, reforzado coas iniciativas de Turismo de Galicia”.

Imaxes relacionadas