A Xunta coñece o proxecto de Ence para crear un polo de economía circular e biomateriais nas Pontes

A empresa contempla instalar unha planta de biocombustibles e papel tisú cun investimento en torno aos 350M€ e coa previsión de crear máis de 1000 empregos entre directos, indirectos e inducidos

Trátase dunha iniciativa que complementa a actividade que a pasteira desenvolve en Pontevedra e que, polo tanto, completa a cadea de valor e pecha o seu ciclo da madeira en Galicia

A Xunta confía en que conte tamén co apoio do Goberno a través das axudas previstas nos fondos europeos
 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro co Consello de Administración de Ence, que presentou o seu proxecto para crear un Polo de Economía Circular e Biomateriais no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez.

 

En declaracións aos medios ao termo da xuntanza, o vicepresidente económico precisou que a empresa contempla instalar unha planta de biocombustibles e papel tisú cun investimento en torno aos 330-350 M€, segundo estimacións da compañía, e coa previsión de crear máis de 1000 empregos entre directos, indirectos e inducidos. Un proxecto, dixo, que complementa a actividade que a pasteira desenvolve en Pontevedra e que, polo tanto, completa a cadea de valor e pecha o ciclo da madeira en Galicia.

 

Conde salientou que se trata dunha iniciativa absolutamente independente da planta de Lourizán que vén demostrar o compromiso de Ence con Galicia e co binomio industria-sustentabilidade. Por iso, trasladou a máxima colaboración da Administración autonómica para “acompañar a empresa nas súas necesidades á hora de avaliar a viabilidade técnica, ambiental, financeira e económica deste novo proxecto”.

 

Do mesmo xeito, manifestou a súa confianza en que conte tamén co apoio do Goberno a través dos fondos europeos, por exemplo, coas axudas previstas nos Pertes de Economía Circular e de Enerxías Renovables; se ben, xa avanzou que a Xunta vai avaliar as posibilidades de integralo no Fondo de Transición Xusta que o Executivo central aínda ten pendente de transferir a Galicia.

 

Esta segunda fábrica de Ence en Galicia, abundou, suporá un balón de oxíxeno para a toda a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e súmase a outras iniciativas empresariais prioritarias aprobadas recentemente no Consello da Xunta: a fábrica de metanol de Forestal del Atlántico en Mugardos e a planta de reutilización de residuos nas Somozas, de Valogreene Recinor.

 

O vicepresidente primeiro lembrou que Ence ten sobre a mesa un programa de investimentos de 395M€ para mellorar a eficiencia da súa planta da ría de Pontevedra e, ao respecto, Conde aludiu á “unidade de acción” que existe entre a propia empresa, a Xunta de Galicia, o cadro de persoal, a industria auxiliar, loxística e de transporte e a Autoridade Portuaria de Marín para que a factoría de Lourizán poida continuar a súa actividade no seu emprazamento actual.

Imaxes relacionadas