A festival MindoMúsica suma espectáculos de danza, performance e videocreación na súa IV edición que arranca en xullo en Mondoñedo co apoio da Xunta

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reúnense coa directora do certame, Rebeca Maseda

É unha das propostas que apoia o Goberno galego para estender as iniciativas culturais de calidade nos eidos rurais, neste caso cunha proposta de música antiga

Do 3 ao 10 de xullo celebraranse actividades en lugares como a Catedral, o Auditorio Municipal, a Casa dos Cóengos ou a residencia e o centro de día e asistencial
 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022

O Festival Mindomúsica arranca o vindeiro 3 de xullo en Mondoñedo a súa IV edición coa incorporación doutras artes, con espectáculos nos que a música dialogará con outras disciplinas como a danza, a performance ou a videocreación.  O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, reuníronse coa directora deste certame, Rebeca Maseda, que conta co apoio da Xunta para ultimar os detalles.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades referiuse á capacidade deste festival para “estender propostas culturais de calidade no rural”, no marco do traballo da Xunta por apoiar iniciativas que permitan dar acceso a este tipo de actividades en todo o territorio galego.
 
Agradeceu aos impulsores por poñer en marcha unha iniciativa como esta que cumpre catro anos “mellorando e completándose en cada edición para achegar unha oferta con máis contidos e que demostra o talento dos creadores galegos”, indicou.
 
O festival arranca o día 3 de xullo e ata o 10 celebrará propostas que se poderán ver na Catedral de Mondoñedo, o Auditorio Municipal Pascual Veiga, a Casa dos Coéngos, a Residencia e Centro de Día San Rafael, o Centro Asistencial San Paulo e San Lázaro e diferentes parroquias do concello de Mondoñedo. O certame inclúe iniciativas como o Parroquias Tour, con pequenos concertos e encontros coa veciñanza, así como propostas que mesturan música con obradoiros divulgativos sobre instrumentos e música antiga.

Imaxes relacionadas