A Xunta estende o modelo plurilingüe ás escolas de arte e superiores de deseño en Galicia o vindeiro curso

Coa implantación do PluriArt nestas ensinanzas de réxime especial, dáse cumprimento a un dos obxectivos da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras

Poden optar a esta convocatoria específica a Pablo Picasso da Coruña, a Ramón Falcón de Lugo, a Mestre Mateo de Santiago e a Antonio Faílde de Ourense

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia estende o vindeiro curso o modelo de ensino plurilingüe ás ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño que se imparten nas Escolas Superiores de Arte e Deseño en Galicia.

 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de abrir o prazo para que os catro centros públicos que imparten estas ensinanzas en Galicia (Pablo Picasso na Coruña, Ramón Falcón en Lugo, Mestre Mateo en Santiago e Antonio Faílde en Ourense) poidan acollerse a esta nova liña que completa o modelo plurilingüe xa implantado nas etapas de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

 

Tal e como publica o Diario Oficial de Galicia o prazo estará aberto ata o 14 de xullo. As Escolas de Arte e Superiores de Deseño interesadas en acollerse a esta medida o próximo curso deberán comprometerse a desenvolver os ciclos formativos plurilingües cando menos durante dous anos, de tal xeito que o alumnado que se incorpore en primeiro curso poida completar os dous cursos do ciclo formativo.

 

Cumprimento da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras

Con esta medida dáse cumprimento a un dos obxectivos recollidos na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingue 2030, que inclúe entre os seus obxectivos estender o plurilingüismo ás ensinanzas de réxime especial.

 

Esta Estratexia, dotada con 83M€ para a súa primeira fase de implantación de catro anos, ata 2025, está enfocada a consolidar e ampliar os programas de éxito desenvolvidos na última década e impulsar accións de alto impacto e especialización vinculados á inclusión, a innovación e a internacionalización.

 
 

100.000 alumnos beneficiados

O modelo plurilingüe, que arrancou en Galicia no curso 2010-11 coa impartición de ata un terzo do horario lectivo nunha lingua estranxeira en 58 centros, hoxe está implantado en 465, conta 628 auxiliares de conversa e acada os 100.000 alumnos beneficiados fronte aos 12.500 con seccións bilingües que había no curso 2008/09.

 

A isto engádese o nivel de recoñecemento do alumnado a través dos bos resultados obtidos nas probas de certificación e do grao de satisfacción amosado polos docentes, xa que case o 99% dos profesores coordinadores deste programa manifestan estar moi satisfeitos cos resultados acadados.

Imaxes relacionadas