Galicia celebra o V Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial co foco no crecemento sostible das pemes

O evento terá lugar en Ferrol o 29 de xuño, coincidindo co Día Mundial do Deseño Industrial, e estará incluído na programación do festival Galicia Design Week

Seis empresas galegas beneficiarias do programa DeseñaPeme expoñerán a súa experiencia na incorporación do deseño como ferramenta de innovación e competitividade
 

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2022

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, celebra o vindeiro mércores, 29 de xuño, a quinta edición do Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia, co que a Xunta conmemora o Día Mundial do Deseño Industrial. A xornada está incluída na programación do Galicia Design Week, un festival que se está a celebrar estes días co apoio da administración autonómica a través de eventos, exposicións e obradoiros, entre outras experiencias.

O encontro, que terá lugar no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) e tamén se poderá seguir en liña, busca abrir canles de contacto e colaboración entre os profesionais do desen~o e as empresas galegas, especialmente as pemes. Nesta edición ponse o foco no potencial do deseño e dos procesos creativos como recursos estratéxicos para a innovación sostible e a competitividade. Isto conecta directamente coas prioridades do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - DIFERENZA, no marco do cal se celebra o encontro.

As persoas participantes terán acceso a unha visión práctica e aplicada sobre o tema a través das experiencias de empresas galegas que xa están desenvolvendo proxectos grazas ao apoio da primeira convocatoria do programa DeseñaPeme da Xunta de Galicia. Star Electrónica e MRF intervirán como casos de éxito no ámbito do futuro dixital e o desenvolvemento sostible. A-vida by Idoia Cuesta e Granja Campomayor explicarán de que maneira están a aproveitar as especificidades do rural como vantaxes para a innovación e a competitividade. Veigas de Sabugueiro e Calor Color expoñerán tamén os seus proxectos de aplicación do deseño á economía circular e creativa.

A visión empresarial completarase co relatorio de Carlota Corzo, confundadora de Lázzaro, sobre a transparencia, a seguridade e a trazabilidade a través do deseño dixital.

As persoas que asistan presencialmente terán ocasión de visitar o stand que a Axencia Galega de Innovación presentou no festival Imperdibles da Fundación Cotec, celebrado en Segovia, no que se amosa unha selección de materiais creados na contorna rural galega e que representan solucións innovadoras e sostibles a retos de carácter global.

Serán expostas as propostas textís de RIR & Co, Io Morales e Tsubaki Diseño; os xardíns verticais e os materiais de construción a base de pedra reciclada de NorPromenade e Mámoa Deseños Vivos; os xabóns artesanais e as esponxas naturais de Mar de Miranda e Ibérica de Esponjas Vegetales; e os utensilios de cociña, as vigas de madeira sostibles e os materiais obtidos de residuos da industria forestal creados por Atalanta Madera, Timbersoul by Cándido Hermida e Betanzos HB.

Tamén se poderán apreciar a cestería e o mobiliario urbano feito a partir de residuos de Idoia Cuesta e Cholita; os zocos e os parches para instrumentos musicais de Eferro e Landra Típica; e os abonos ecolóxicos a partir de cuncha de mexillón e as mallas compostables de Ecocelta e Ecoplas Barbanza.

Presencial e en streaming

A cita está aberta á inscrición para profesionais do deseño de todas as áreas de especialización (gráfico, estratéxico, de espazos, dixital, de moda e industrial e de produto), estudantes e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación, competitividade e sostibilidade nas súas organizacións.

A inscrición tanto para asistir de forma presencial como para seguir o evento en streaming pode formalizarse aquí.