A Xunta salienta o papel de industrias como a antiga Pysbe de Ferrol na conformación do actual complexo mar-industria galego

 Ferrol, 26 de xuño de 2022 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe ás xornadas Ventos de bacallau e Pysbe. De Ferrol a Terranova, organizadas pola Asociación de Veciños Ferrol Vello co apoio Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, e onde se rememorou a importancia da factoría Pesqueira e Secadoiros de Bacallau (Pysbe) no desenvolvemento de Ferrol e a súa contorna na primeira metade do século XX. Esta empresa é unha boa mostra do traballo feito en Galicia naquela época no ámbito pesqueiro e que contribuíu á conformación do importante complexo mar-industria co que conta a comunidade na actualidade.

A representante do Executivo galego, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, fixo un percorrido pola historia da compañía a través de fotografías, planos e obxectos orixinais recollidos na mostra Pysbe. A primeira gran industria do porto de Ferrol, que se puido visitar desde o pasado día 17 ata hoxe na sala de exposicións do peirao de Curuxeiras. Este tipo de iniciativas son fundamentais para preservar o patrimonio cultural da Galicia mariñeira e render homenaxe a todas aquelas persoas, a maioría mulleres, que formaron parte de Pysbe, unha industria que marcou a historia da cidade e atraeu ao porto ferrolán novas liñas comerciais ao tempo que mobilizou unha gran cantidade de pequenas empresas ao seu arredor.

 

Imaxes relacionadas