A Xunta abre a convocatoria da segunda edición do programa ‘Xuventude Mentoring’ de formación e mentorización de mozos para a transición da vida académica á laboral

O Goberno galego destina 500.000 euros nesta iniciativa que conta coa colaboración das tres universidades galegas e da que se poderán beneficiar este ano 250 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que acaban de rematar os seus estudos

Durante tres meses recibirán asesoramento de expertos e desfrutarán de diferentes actividades, como visitas a empresas, para axudarlles a impulsar a súa rede de contactos e achegarlles máis oportunidades laborais

Santiago de Compostela, 26 de xuño 2022

A Xunta abre a convocatoria para que as mozas e mozos de Galicia participen na segunda edición do programa Xuventude Mentoring formación e mentorización, desde o ámbito da educación non formal e co obxectivo de favorecer a súa empregabilidade. O Goberno galego inviste 500.000 euros nesta iniciativa, cofinanciada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e polo Fondo Social Europeo, que este ano beneficiará a 250 mozas e mozos de entre 18 e 30 anos que acaban de rematar os seus estudos para facer posible unha efectiva transición da vida académica ao mercado laboral.

 

Todo aquel que queira participar no programa pode inscribirse de xeito telemático nesta ligazóna partir do luns. As mozas e mozos participantes deben estar inscritos no Sistema nacional de Garantía Xuvenil. Desde o 27 de xuño e ata o 1 de agosto recibiranse as solicitudes das mozas e mozos que lles gustaría formar parte deste programa.

 

Con esta iniciativa a Xunta procura traballar nun dobre obxectivo, por un lado, facilitarlle á mocidade unha completa programación con apoio directo de expertos, empresarios e profesionais con experiencia, que actuarán como mentores, para optimizar a procura de emprego e adquirir aquelas habilidades que máis se están a demandar. E por outro, amosarlles ás empresas todas as capacidades e o talento que posúe a xuventude galega.

Durante tres meses recibirán formación, asesoramento e desfrutarán de diferentes actividades, como visitas a empresas ou conferencias, para axudarlles a impulsar a súa rede de contactos e achegarlles máis oportunidades laborais.

 

Nesta segunda edición de Xuventude Mentoring contarase de novo coa colaboración do Consorcio Inteuniversitario de Galicia (Cixug) para que esta transición sexa acorde non só ás demandas e necesidades laborais, senón tamén se axuste á realidade académica. Así mesmo, o programa estará aberto á participación de máis entidades sociais, empresas, asociacións empresariais ou clústeres, a través da firma dun modelo de adhesión como entidade colaboradora en materia de difusión e promoción do programa, achega de mentores e/ou colaboración nas actividades formativas e de capacitación.

 

Primeira edición

A primeira edición deste programa tivo uns resultados moi satisfactorios despois de que o 60% dos mozos participantes encontraran traballo ou ampliaran a súa formación. Ademais, formaron parte da iniciativa 150 mentores e asináronse acordos de adhesión con 20 entidades colaboradoras.

Imaxes relacionadas