Diego Calvo recibe a membros do Parlamento Europeo no marco das xornadas sobre o Camiño e os roteiros culturais europeos

A recepción oficial no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela enmárcase na celebración das xornadas de estudo ‘Os Camiños de Santiago e outros itinerarios culturais: Visións desde Europa’ organizadas pola Xunta e un grupo de eurodeputados no Museo das Peregrinacións

Santiago de Compostela, 25 de xuño  de 2022

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe no Hostal dos Reis Católicos xunto ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo e a comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, a un grupo de deputados do Parlamento que participaron nas xornadas de estudo Os Camiños de Santiago e outros itinerarios culturais: Visións desde Europa. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración tamén destas xornadas organizadas no marco da programación do Xacobeo 21-22 e que acolleu o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela.

O grupo estivo encabezado polo eurodeputado galego e presidente do Intergrupo Patrimonio cultural europeo, Camiño de Santiago e outros Roteiros Culturais Europeas no Parlamento Europeo, Francisco Millán Mon. Asistiron tamén Dolors Montserrat Montserrat, Juan Ignacio Zoido Álvarez, Pilar del Castillo Beira, Leopoldo López Gil, Gabriel Mato Adrover, Adrián Vázquez Lázara, Rosanna Conte (Italia), José Manuel Fernandes (Portugal), Kinga Gál (Hungría), Eniko Gyori (Hungría), Tomáš Zdechovský (República Checa) e Željana Zovko (Croacia).

Na recepción oficial, o vicepresidente segundo da Xunta saudou aos eurodeputados e sinalou a importancia do Camiño de Santiago na construción da identidade europea, tendo en conta que supón un espazo de cooperación, encontro e valores comúns. Por iso, lembrou o papel que ocupa o Camiño de Santiago como primeiro roteiro cultural desde 1987 e como Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1993.

 

Nesta liña, Diego Calvo puxo o Camiño de Santiago como exemplo do turismo sostible, innovador e de Galicia polo que está a apostar a Xunta e invitou a visitar e a camiñar a Galicia neste Xacobeo 21-22 histórico.

Pola súa banda, o eurodeputado galego Millán Mon agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia para organizar estas xornadas nas que destacou a importancia do programa do Consello de Europa dos Roteiros Culturais Europeos e o rexurdimento dos Camiños nas  últimas décadas, en boa parte co impulso da Xunta cos programas Xacobeos.