As Somozas incorpórase aos concellos emprendedores facendo así que a provincia da Coruña alcance os 40 municipios participantes

A localidade coruñesa súmase ao obxectivo da Xunta de Galicia para poñer facilidades ao investimento empresarial e impulsar a recuperación económica, ofrecendo máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais

Galicia conta actualmente con 152 Concellos Emprendedores, xa que aos 40 da provincia da Coruña engádense 66 en Ourense e 23 tanto en Pontevedra como en Lugo

Esta figura consolídase na Lei de reactivación económica e contribúe así a implantar unha nova cultura administrativa na Comunidade para eliminar trabas burocráticas e intensificar a simplificación dos trámites
 

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2022.-

Un total de 40 municipios da provincia da Coruña son xa Concellos Emprendedores tras a adhesión das Somozas. Con esta distinción súmase ao obxectivo da Xunta de Galicia de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

 

Galicia conta actualmente con 152 Concellos Emprendedores: aos 40 da provincia da Coruña engádense 66 en Ourense e 23 tanto en Pontevedra como en Lugo. Todos eles recollen o espírito da nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica e contribúen así a implantar unha nova cultura administrativa en Galicia para eliminar trabas burocráticas, intensificar a redución dos trámites e apoiar a implantación de novos proxectos empresariais. O principal obxectivo desta iniciativa é trasladar confianza e seguridade xurídica ao tecido económico e, nese sentido, cómpre sinalar que, como novidade, a lei fixa un prazo de tres meses para a emisión de informes por parte da Xunta e amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias.

 

Para ser Concello Emprendedor, as administracións locais, unha vez aproban nos seus respectivos plenos a modificación das ordenanzas correspondentes, teñen que adherirse ao convenio asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para colaborar na captación de investimentos para Galicia.

 

O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa en diversas liñas de axudas destinadas a impulsar o emprendemento e a dinamización económica. Para iso, establece nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico.

 

Os Concellos Emprendedores, pola súa banda, comprométense a ofrecer ás empresas que mostren interese por instalarse nas súas localidades máis incentivos fiscais, maiores facilidades para acceder ao solo empresarial e unha simplificación na tramitación administrativa. Os maiores incentivos fiscais por parte dos concellos para favorecer a chegada de novas empresas suporán unha bonificación de ata o 95% no IBI, IAE e ICIO para aqueles proxectos que impliquen nova implantación de empresas xa existentes. Deste xeito, a colaboración entre as administracións públicas permite avanzar cara a unha Galicia máis competitiva.