O Museo Pedagóxico de Galicia cede máis de 40 pezas dos seus fondos para recrear unha antiga escola na Azucareira, situada no concello de Portas

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde do municipio pontevedrés, Ricardo Martínez, formalizan a colaboración nunha visita a este centro museístico

Inclúense desde pupitres e encerados ata material escolar como plumas do alumnado, tinteiros, ábacos, mapas, cadernos de caligrafía ou tomos de enciclopedia
 

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia vén de formalizar co concello de Portas a cesión de máis de 40 pezas do fondo do Museo Pedagóxico de Galicia para recrear unha antiga escola e expoñela na Azucareira neste municipio pontevedrés. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o alcalde, Ricardo Martínez, formalizaron a colaboración nunha visita ao centro museístico.

 

Román Rodríguez salienta a oportunidade desta alianza para “promover e divulgar os históricos fondos do Museo Pedagóxico de Galicia máis alá de Santiago, onde ten a súa sede”, facendo de Portas un “magnífico escaparate para reforzar o papel deste museo á hora de recuperar, salvagardar e estudar a variedade e riqueza do legado educativo de Galicia”, indica. O Concello solicitara hai uns anos un lote de pezas para a exposición dunha aula e, unha vez comprobado que conta co espazo axeitado para expoñela, vense de formalizar esta colaboración.

 

O Concello de Portas constituirá un depósito dos bens co compromiso de exhibilos no espazo expositivo da Azucareira. O lote de pezas cedidas inclúe varios pupitres bipersoais e unipersoais, mesas e cadeiras de profesor, encerados, así como distintos tipos de material escolar como tinteiros, plumas, regras, xogos de medidas e capacidade, mapas, láminas, cadernos de caligrafía, enciclopedias ou un globo terráqueo, entre outras.

 

O Museo Pedagóxico de Galicia afonda así no seu traballo de recuperación, protección e difusión do patrimonio educativo de Galicia. Os seus fondos amosan a evolución da escola galega a través do tempo con recreacións de aulas desde o século XIX ata a EXB con curiosos obxectos escolares.

Imaxes relacionadas