A Xunta organiza os procesos de selección e forma aos efectivos de Policía Local de 89 concellos dos 127 que dispoñen deste corpo de seguridade

A través dos convenios asinados entre a Xunta e os concellos, contratáronse desde 2018 un total de 511 auxiliares de Policía Local, 392 efectivos da categoría de Policía Local, 28 oficiais e 2 vixilantes municipais

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022 Un total de 89 concellos dos 127 que contan con corpo de Policía Local e dos 11 con vixilantes municipais xa delegaron ata o de agora na Xunta a selección e a formación da súa plantilla de Policía Local a través do convenio asinado en 2017 coa FEGAMP. O ano pasado asináronse 6 novos acordos e prorrogaron os seus medio cento aos que se lles remataba a vixencia neste 2022.

 

Nos distintos procesos selectivos convocados desde 2018 cubríronse 511 prazas de auxiliares de Policía Local, 392 vacantes na categoría de Policía Local -335 pola quenda de oposición libre e 57 na de mobilidade-, outras 28 na categoría de oficial -24 por promoción interna e 4 por mobilidade- así como 2 vixilantes municipais.

 

A Xunta continúa neste 2022 coa formación dos 117 alumnos da 14ª promoción de Policía Local nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e xa culminou ademais o proceso de selección de 147 auxiliares de Policía Local para 37 concellos que xa elixiron o posto o pasado maio.

 

A publicación da convocatoria de prazas de 2022 correspondente á categoría de Policía Local está prevista ao longo deste segundo semestre do ano e permitiu cubrir na anterior 70 prazas nunha trintena de municipios. Entre os procesos previstos a desenvolver neste ano tamén se inclúen, neste momento, 1 praza de promoción interna de inspector principal, 6 vacantes de inspector en 5 concellos e 9 da categoría de oficial en 7 entidades locais.

 

A AGASP mantivo as oposicións unificadas en 2020 pese á pandemia do coronavirus, sendo ademais o primeiro organismo en Galicia en realizar este tipo de procesos e en recuperar a formación presencial e adaptando as súas instalacións aos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias.

 

Así, os 134 alumnos da 12ª promoción de Policía Local retornaron ás aulas en xuño de 2020 e nos meses nos que a actividade lectiva presencial estivo suspendida incorporáronse aos seus concellos como funcionarios en prácticas prestando un apoio fundamental ás plantillas de Policía Local, que viran aumentadas as súas competencias por mor da covid. Co mesmo obxectivo, a Xunta facilitou a contratación extraordinaria de persoal auxiliar atendendo 97 petición de 36 concellos.  

 

Cómpre lembrar que AGASP é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar ás novas promocións de Policía Local - ofrece cursos con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. A Academia conta con cursos no marco dun completo plan de formación continua dirixidos a persoal da Policía Local e os profesionais dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan en Galicia, isto é, Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil.