Sanidade comparte con outras rexións europeas as boas prácticas das farmacias comunitarias e a xestión do material de protección durante a pandemia

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) lidera o proxecto europeo TITTAN Covid-19 con cinco rexións europeas, co fin de establecer unha rede de intercambio de boas prácticas relacionadas coa covid

O proxecto finánciase a través do Programa Interreg Europe, e foi seleccionado nunha convocatoria competitiva a nivel europeo
 

 Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022  A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) é a coordinadora do proxecto TITTAN (Translation, Innovation & Technology Transfer in Ageing Network in the context of the COVID-19 pandemic), que ten como obxectivo establecer unha rede de intercambio de coñecemento con outras rexións europeas para potenciar a innovación e a transferencia de tecnoloxía no eido da saúde. O proxecto ten unha duración de ano e medio e finánciase a través do Programa Interreg Europe, cun orzamento de 1,7 millóns de euros.

Baixo o liderado da ACIS, participan nesta iniciativa outras organizacións de referencia en Europa, como a Fundación Vasca de Innovación e Investigación Sanitarias (BIOEF de Euskadi); a Fondazione Regionale per la Ricerca Biomedica (FRRB, de Lombardia en Italia); o Healthy Saxony, (HS de Saxonia en Alemaña); e o Digital Health & Care Innovation Centre (DHI de Escocia en Reino Unido).

 

Nesta semana, realizouse a terceira das sesións de intercambio de experiencias, organizada polo socio do País Vasco, co fin de establecer un diálogo cos actores máis relevantes a nivel rexional para identificar as mellores prácticas relacionadas coa covid.

 

Durante este ano, celebráronse con este tres workshops de intercambio de experiencias. A conferencia final do proxecto será a cargo do coordinador do proxecto, ACIS, e celebrarase en Santiago de Compostela.

 
Xestión do material de protección durante a pandemia

O xefe do Servizo Aprovisionamento da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Sergas, Martín Cribeiro González, explicou neste evento aos socios do proxecto TITTAN, e ao resto de asistentes, as claves do éxito na xestión do aprovisionamento dos materiais sanitarios de protección durante a crise sanitaria da pandemia.

 

Os cinco elementos fundamentais cos que contou o Sergas para abordar este gran reto, nun contexto nunca antes visto de escaseza e bloqueo na oferta deste tipo de materiais de protección, foron presentados polo relator:

 

-Dispoñer dun Sistema Loxístico Integral con colocación no punto final de consumo, que permitiu descargar ao persoal de tarefas loxísticas e poder centrarse na atención ao paciente.

 

-Dispoñer de LOGAS, unha ferramenta innovadora que supón un Sistema de Xestión Único para o Aprovisionamento e as Compras.

 

-Deseño de circuítos diferenciados para a xestión do Material de Protección para covid.

 

-Compra Única Centralizada, fundamental para garantir o subministro, que permitiu reducir os prazos de entrega e tamén descargar aos centros sanitarios de traballo.

 
-Monitorización continua dos procedementos.
 

Grazas a este complexo e integral sistema, apoiado en novas e innovadoras tecnoloxías, que permite simplificar os procesos e tarefas, puidéronse xestionar ao día máis de 11.000 pedidos que foron dirixidos a todas as unidades de consumos nas distintas áreas de saúde, tanto en centros grandes como nos máis pequenos e illados.

 
Farmacias comunitarias
 

Pola súa banda, Héctor Castro Bernardino, presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de A Coruña, mostrou ás rexións socias do proxecto as claves do grande éxito da colaboración da rede de farmacias galegas coa Xunta de Galicia durante a pandemia.

 

As boas prácticas das farmacias descritas polo relator, que máis axudaron nese momentos de crise e de tanta inseguridade, foron:

 

-A entrega de medicamentos e produtos sanitarios no domicilio para dependentes ou persoas que vivan soas.

- A distribución de mascarillas gratuítas a través do convenio coa Xunta.

- A autorecollida de mostras de saliva na oficina de farmacia para cribados de PCR.

- A expedición de certificados covid de vacinación, probas diagnósticas e recuperación.

- E, por último, a realización de autotest rápidos de autodiagnóstico para detección da covid realizando todo o proceso: toma de mostra, procesado e comunicación do resultado.

 Os números reflicten o gran traballo que se levou a cabo, máis de 195.000 recollidas de mostras para cribados PCR con máis de 3.700 positivos detectados, máis de 140.000 autotest subministrados e máis de 1.100.000 certificados covid emitidos. E o máis importante, a proximidade e a seguridade que estes profesionais proporcionaron á poboación, sobre todo maior, nun tempo de tanta inseguridade e incerteza.

Imaxes relacionadas