O programa da Xunta de intercambio literario con Irlanda selecciona ao poeta lucense Jesús Castro

O director xeral de Cultura reúnese co escritor que se desprazará ao país para comezar a súa nova obra e reforzar así a proxección exterior das letras galegas

Con 17 anos recibiu o Premio Minerva de Poesía e recentemente o Premio de relato breve Nélida Piñón e o Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé

Tras Xeorxia o ano pasado, nesta edición a convocatoria está dirixida a escritores galegos e irlandeses no marco da estratexia da Xunta por divulgar e difundir a literatura galega no exterior e apoiar aos profesionais da escritura

 

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, recibiu hoxe ao autor seleccionado para participar no programa de intercambio literario con Irlanda posto en marcha pola Xunta de Galicia. Trátase do poeta lucense Jesús Castro Yáñez, que comezou a súa traxectoria literaria moi mozo e con 17 anos gañou o Premio Minerva de poesía. Desprazarase en setembro a Irlanda para dar comezo coa súa nova obra e reforzar desde alí a proxección exterior das letras galegas.

Jesús Castro é gañador, ademais, do Premio de Poesía Díaz Jácome e no ano 2015 foi recoñecido co I Premio de relato breve Nélida Piñón e o Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé. Como explicou o director xeral de Cultura, o xurado valorou o carácter anovador do seu proxecto de creación literaria que afonda no desexo de achegarse por un lado á oralidade e, por outro, a tender unha ponte entre o texto propio e os alleos.
“A selección deste ano dá boa mostra do talento creativo que temos en Galicia e do potencial dos autores máis mozos para crear obras que sexan capaces de traspasar fronteiras. Será unha oportunidade para reforzar a literatura galega no exterior, pero tamén para intensificar as relacións profesionais entre os poetas galegos e estranxeiros”, expresou o representante da Consellería de Cultura.

Traballo e investigación

Esta iniciativa naceu o ano pasado en colaboración coa Residencia Literaria 1863, dirixida pola poeta Yolanda Castaño. Enmárcase no traballo do Goberno autonómico por divulgar e difundir a literatura galega e apoiar aos profesionais da escritura. Nesta segunda edición o autor galego seleccionado traballará e investigará durante o mes de setembro coa colaboración do Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig. O lucense Jesús Castro recibe así unha bolsa de traslado, manutención e aloxamento ao longo dun mes neste centro, situado no campestre contorno de Newblis do Condado de Monaghan, Irlanda. Trátase da que fora casa familiar do director teatral Sir Tyrone Guthrie e que se emprega como retiro artístico. É un lugar de traballo residencial aberto a profesionais en todas as formas da arte.

A edición deste ano tamén seleccionará un autor irlandés. No seu caso a estadía será na Residencia 1863 da Coruña, un apartamento do século XIX no casco histórico herculino que combina residencia con centro de xestión cultural

Imaxes relacionadas