Fernández-Tapias e a Fundación Traslatio presentan o Village da Iacobus Maris aberto á cidade de Vigo

Vigo, 22 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o presidente da Fundación Traslatio, Mario Cardama, presentaron hoxe o Village da Iacobus Maris, que converterá a Vigo durante catro días, do 21 ao 24 de xullo, no porto base da ruta xacobea máis longa da historia.

Nun acto celebrado nos xardíns do cable, ao que tamén asistiu o presidente do Porto de Vigo, Jesús Vázquez, Almuiña, entre outros membros da organización da Iacobus Maris, Fernández-Tapias desvelou parte da programación festiva que está prevista coincidindo coa chegada dos veleiros á cidade viguesa.

Catro días de actividades para nenos e maiores, con xogos infantís, casetas de comida e bebida, concertos na noite do venres e o sábado e visitas guiadas e de balde aos barcos que atracarán na tarde do venres 22 de xullo.

“Queríamos implicar a toda a cidadanía viguesa nun dos eventos máis esperados deste Xacobeo 21-22, o regreso a Vigo dos grandes veleiros, un espectáculo único que Vigo non vive desde hai moitos anos e que grazas á implicación da Xunta poderemos gozar de novo", apuntou Fernández-Tapias, quen avanzou que se están preparando catro días de festa para que todos os veciños e veciñas de Vigo participen desta Iacobus Maris Xacobeo 21-22.  

Os 11 veleiros que conmemorarán a viaxe do corpo do Apóstolo Santiago partirán este domingo desde Génova e retornarán a Galicia o vindeiro 22 de xullo, tocando os portos de Valencia (1 ao 3 de xullo), Sevilla (8 ao 10) e Oporto (16 ao 19). Eventos como esta ruta marítima contribúen de forma decisiva e sen lugar a dúbidas a colocar a Galicia no mapa, e a Vigo no lugar que se merece neste dobre Ano Santo, reivindicando o seu papel central no Camino de Santiago e, nomeadamente, no Camiño Portugués da Costa”.

«A Iacobus Maris é unha oportunidade para vivir un Camiño de Santiago diferente e vivir unha experiencia inesquecible; polo roteiro e as cidades que se visitan, polos compañeiros de viaxe e polas actividades que se desenvolverán a bordo dos barcos», destacou Cardama, encargado de ofrecer os detalles máis técnicos da ruta.

As 11 embarcacións dos cinco países confirmados ata o momento son os españois VO70 “E1”, “Atyla”, “Pascual Flores”, “Galaxie”, “Cervantes Saavedra”, “Peregrina” e “Evangelina”; o portugués “Vera Cruz”; o francés “Etoile”; o rumano “Mircea”; e o italiano “Palinuro”. 

Imaxes relacionadas