Galicia mostra a competitividade e a innovación das súas lonxas ao ministro de pesca de Namibia

Vigo, 22 de maio de 2022 O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, acompañou esta mañá ao ministro de Pesca e Recursos Mariños de Namibia, Derek James Klazen, nunha visita á lonxa de Vigo para coñecer o funcionamento deste centro de primeira venda co obxectivo de mostrar ao país africano a realidade e a competitividade da pesca galega, así como o peso fundamental que ten este sector na comunidade.

A visita permitiu á delegación namibia comprobar as tecnoloxías punteiras existentes nos centros de primeira venda galegos que contribúen a mellorar a comercialización e entre as que destaca a incorporación da dixitalización co ánimo de facilitar a xestión da actividade. Estes avances poden servir de exemplo e inspiración para o sector marítimo-pesqueiro de Namibia, país co que Galicia ten lazos comerciais e de negocios neste eido desde hai décadas. O representante do país africano tamén puido constatar a relevancia do porto de Vigo, punteiro en Europa e un dos máis importantes do mundo en materia pesqueira.

Imaxes relacionadas