A Xunta inicia os actos conmemorativos polo centenario de Luz Pozo Garza cunha conferencia de Xesús Alonso Montero

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, abre o relatorio inaugural que complementa a exposición ‘Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, Arte e Vida’

A programación da Consellería de Cultura inclúe tamén homenaxes á autora no eido da música e do audiovisual
 

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou a conferencia inaugural dos actos organizados pola Xunta de Galicia para celebrar o Centenario de Luz Pozo Garza. Un acto que tivo lugar na Cidade da Cultura no que salientou a relevancia da autora “como iniciadora dunha escola poética moi relevante na nosa literatura contemporánea e a sutileza das súas composicións, abordando temáticas transcendentais no percorrer da vida e da súa traxectoria poética”.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades foi o encargado de introducir o relatorio inaugural, a cargo do académicode Xesús Alonso Montero, na que tamén estivo presente Carmen Blanco, directora do Comité Científico da programación. Na conferencia abordáronse os poemas de Luz Pozo sobre Rosalía de Castro, un dos grandes capítulos da súa obra nos que expresa episodios biográficos e literarios sobre a autora.

 

Así mesmo, desenvolveuse unha mesa redonda en relación á obra literaria da homenaxeada, da que formaron parte o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo, o poeta Claudio Rodríguez Fer, a escritora e profesora titular da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González e o crítico literario Armando Requeixo.

 

Programación do Centenario

Esta actividade complementa a exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida, organizada polo Goberno galego e inaugurada o día 9 de xuño con motivo da celebración do Día Internacional dos Arquivos. A mostra expón documentos acompañados de paneis onde se recollen poemas e unha narración cronolóxica para contextualizar a traxectoria vital e artística da autora. Poderá verse na Biblioteca de Galicia ata o 17 de outubro.

 

Ademais, coincidindo coa data exacta do nacemento de Luz Pozo Garza, o 21 de xullo, terá lugar o concerto musical e literario Sol de Medianoite. Celebrarase no auditorio do Edificio Fontán da Cidade de Cultura, que correrá a cargo dun elenco musical vinculado á Orquestra Sinfónica de Galicia, integrado exclusivamente por instrumentos de corda. Serán 12 cancións sobre o libro homónimo da autora para mezzosoprano e orquestra con lectura de extractos do texto orixinal.

 

As homenaxes terán tamén unha pegada no eido audiovisual. Presentarase e proxectarase o documental Na procura da luz, realizado pola fotógrafa Rosa Taboada cun percorrido pola súa vida e obra e testemuños de persoas próximas a ela.