A Xunta destaca que a colaboración público-privada será a clave para consolidar Galicia como referente en enerxías renovables

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou esta mañá nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG)

Explica que a Axenda Enerxética 2030 recolle a planificación para impulsar unha Galicia máis verde

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2022 A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participou esta mañá en Santiago de Compostela na xornada Enerxías renovables, hidróxeno e almacenamento: oportunidades de emprego sostible e de calidade, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

 

Na súa intervención destacou que a colaboración público-privada será a clave para consolidar Galicia como referente en enerxías renovables e para a posta en marcha de proxectos estratéxicos. Neste sentido, a Axenda Enerxética de Galicia 2030, recolle toda a planificación necesaria para impulsar unha Galicia máis verde.

 

Paula Uría explicou que no novo modelo enerxético cobran protagonismo tecnoloxías como o hidróxeno verde ou o almacenamento enerxético. Neste sentido, destacou que desde o Goberno galego traballarase para impulsar e consolidar un tecido industrial asociado aos proxectos enerxéticos, coa súa participación na cadea de valor tanto do hidróxeno como do almacenamento de enerxía.

 

Para logralo, asegurou, queda por diante un labor conxunto en eidos como a regulación, a simplificación administrativa, a I+D+i, a coordinación dos incentivos económicos coas necesidades reais da industria, a formación ou a captación de talento.

Imaxes relacionadas