O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, interveu hoxe na xornada Falando de Hidróxeno en Feminino, organizada pola Asociación Galega do Hidróxeno

Galicia contará cun Hub de hidróxeno verde previsto na Axenda Enerxética 2030

Conde apunta que este Hub vai permitir obter preto de 100.000 toneladas de hidróxeno ao ano para o seu uso na industria, a mobilidade, o almacenamento ou a coxeración

Afirma que as enerxías renovables son necesarias para facilitar a caída do prezo eléctrico, e que para o tecido empresarial e industrial a sustentabilidade é sinónimo de competitividade

Salienta que o talento feminino vai ter un papel protagonista na transición enerxética
 

Oleiros (A Coruña), 20 de xuño de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a nova Axenda Enerxética de Galicia prevé a creación dun Hub de hidróxeno verde que vai permitir obter preto de 100.000 toneladas ao ano desta fonte de enerxía para o seu uso na industria, a mobilidade, o almacenamento ou a coxeración.

Durante a súa intervención na xornada Falando de Hidróxeno en Feminino, organizada pola Asociación Galega do Hidróxeno, Conde destacou que máis do 74% da enerxía eléctrica producida en Galicia actualmente é con fontes renovables, polo que xa cumpre o obxectivo marcado a nivel estatal para 2030.

O vicepresidente económico subliñou que as enerxías renovables son necesarias para facilitar a caída do prezo eléctrico, e que para o tecido empresarial e industrial a sustentabilidade é sinónimo de competitividade. Nesta liña, indicou que o obxectivo vai estar en impulsar a participación do sector industrial na cadea de valor da economía do hidróxeno e en potenciar a I+D+i enerxética en Galicia.

A maior oportunidade para o desenvolvemento desta tecnoloxía renovable vai estar, segundo dixo, no Perte de Enerxías Renovables para o que Galicia, logo da manifestación de interese convocada hai un ano, conta cunha candidatura de 51 proxectos que suman un investimento público-privado de máis de 3.800 M€.

O vicepresidente primeiro concluíu reivindicando que o talento feminino vai ter un papel protagonista na transición enerxética e poñendo en valor a importancia de que as mulleres se incorporen a postos de dirección en empresas do sector.

Imaxes relacionadas