A Xunta apoia a Liga Galega de Traiñeiras, que arrinca hoxe en Sanxenxo con 28 equipos e 616 deportistas

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, participou no acto de presentación da competición

O Goberno galego incrementou este ano a súa achega ata os 115.000 euros a través dun acordo coa Asociación Liga Norte

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu tamén á competición mundial de loita praia, que se desenvolve por primeira vez en España coa participación de tres deportistas de Galicia
 

Sanxenxo (Pontevedra), 18 de xuño de 2022.-.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación da Liga Galega de Traiñeiras, que arrincou esta tarde coa celebración da I Bandeira Concello de Sanxenxo e que conta co apoio da Xunta.

 

Diego Calvo salientou a fonda vinculación histórica e cultural das traíñas coa poboación da costa galega e das contornas dos diferentes clubs. “As traíñas forman parte da nosa paisaxe marítima desde hai máis de cen anos, cando se utilizaban para a pesca, e hoxe seguimos desfrutando da súa presenza a través das competicións”, apuntou.

 

Neste ano participan 28 equipos que suman 616 deportistas. Segundo sinalou o vicepresidente segundo, a liga aposta pola máxima participación, para o que se crearon dúas divisións en 2012 e unha liga feminina en 2015. Nesta última, cómpre salientar o récord de participación rexistrado este ano, con nove equipos e 198 remeiras.

 

Creada en 2004, a Liga Galega de Traíñas está xa consolidada cunha elevada participación e o continuo incremento dos recursos administrativos e estruturais. Nesta liña Diego Calvo referiuse á achega económica do Goberno galego a través dun convenio coa Asociación Liga Noroeste, organizadora da competición, que alcanza este ano os 115.000 euros, a cifra máis alta dos últimos anos.

 

Competición ata finais de agosto, con 34 regatas

A I Bandeira Concello de Sanxenxo será a primeira dun total de 34 regatas entre as tres categorías. A Liga A está conformada por 12 equipos: SD Tirán-Pereira, SD Samertolameu-Oversea, CM Bueu-Teccarsa, CR Cabo de Cruz, CR Mecos, CDM Meira, CR Puebla, CR Rianxo, CCD Cesantes-Rodavigo, CR Narón, CM Mugardos e CR Chapela-Wofco. Por outra banda, na Liga B competirán un total de sete quipos como o CR Muros, CR Salgado-Perillo, CR Cedeira, CR Vila de Cangas, SD Samertolameu-Oversea B, Amegrove CR e CM Castropol.

 

Canto á competición feminina, participan o CR Cabo da Cruz, CR Chapela-Wofco, CR Salgado-Perillo, SD Tirán Pereira, CRN Riveira, CR Rianxo, CR Puebla, CM Castropol e CM Mugardos- A Cabana Ferrol.

 

Galicia, centro mundial da loita praia

Tamén en Sanxenxo, o vicepresidente segundo asistiu esta tarde á competición mundial de loita praia, que se desenvolve por primeira vez en España co apoio da Xunta. A praia de Silgar é o escenario que acolle ata mañá a proba, na que participan os mellores deportistas dos 20 países inscritos no evento. Entre eles destacan Xeorxia, Romanía, Francia, Grecia, Portugal e, de xeito especial Ucraína.

 

Diego Calvou tivo ocasión de saudar a organización e participantes, entre quen hai  tres deportistas de Galicia que forman parte da selección española. Trátase de Noelia Lalín, do Club Keltoi de Vila de Cruces, de Cora Ayude Pallas, da Escola Ayude de Santiso, e de Pablo García García, do Club de Loita Pontevedra.

 

As probas chegan a Sanxenxo despois dunha primeira parada en Turquía e seguirán o calendario en Francia, Grecia e Romanía, onde terá lugar a final a comezos de setembro. Por outra banda, cómpre lembrar que en outubro Galicia acollerá os campionatos do mundo U-23 de loitas olímpicas, así como os mundiais de loita grappling e grappling-GI U-17. U-20 e absolutos. Trátase do evento máis numeroso do calendario mundial.

 

Entrega de premios

Como peche da xornada, Diego Calvo participou xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na entrega de premios do Campionato do Mundo da clase 6mR, á que se referiu como importante reclamo para visitar Sanxenxo a través da fusión do deporte e do turismo. Segundo indicou, “culminan así tres anos de probas de primeiro nivel” no concello pontevedrés, co Campionato de España de 6 metros Trofeo Xacobeo 21 celebrado en 2020 e o Campionato de Europa desta categoría desenvolvido o pasado ano.

 

O vicepresidente segundo incidiu no compromiso da Xunta a estas competicións, “convencidos do valor engadido que achegan para reforzar a marca Galicia e a súa promoción internacional”.