A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a nova residencia que está a construír Aspanaex na cidade olívica

A Xunta convocará unha liña de axudas para que as entidades sociais financien a construción de novos centros ou a ampliación e renovación dos existentes

A orde contará cun orzamento de 13 millóns de euros e prevese a súa publicación nas vindeiras semanas

Vigo, 17 de xuño de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, anunciou esta mañá que a Xunta de Galicia vai a publicar unha nova liña de axudas que dotará de 13 millóns de euros para que as entidades sociais poidan construír, ampliar ou renovar centros de atención a maiores ou persoas con discapacidade. Fíxoo esta mañá na súa visita, acompañada pola delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, á residencia que está a construír ASPANAEX no barrio vigués de Coia.

Fabiola García destacou que o Goberno galego xa está a apoiar a construción do centro residencial desta entidade, a través de axudas que acadan os 176.000 euros. A maiores, Aspanaex poderá presentarse a esta convocatoria para acceder a máis fondos que lle permitan seguir coa posta en marcha desta residencia que contará con 58 prazas de atención a persoas con discapacidade.

Ademais, a conselleira de Política Social puxo en valor o compromiso da Administración autonómica coas familias que forman parte desta entidade, xa que a Xunta está a financiar un centenar de prazas nos diferentes centros de Aspanaex por preto de 1 millón de euros.
 
Esta contía é un exemplo máis do compromiso e da aposta do Goberno galego por servizos especializados que atendan as necesidades de todas as persoas. Así, desde 2009 incrementáronse un 30% as prazas para persoas con discapacidade, ata chegar ás 5.600 actuais.

Imaxes relacionadas