O conselleiro de Cultura, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, participa na presentación desta iniciativa

A Xunta reforza o seu apoio ao Festival de música clásica Bal y Gay, que arranca en agosto na Mariña lucense na súa edición máis internacional

Duplícase o apoio a este certame do que Román Rodríguez resalta o “salto de calidade e prestixio” nas súas nove edicións que o consolida como referente

Celebrarase do 12 ao 24 de agosto con concertos en lugares emblemáticos como a Catedral de Mondoñedo ou a Fábrica de Sargadelos, entre outros

Contará con importantes figuras da música clásica, así como coa Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia
 

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022.-

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do Festival de música clásica Bal y Gay que se celebrará en agosto na Mariña lucense e para o que este ano a Xunta duplica o seu apoio.

 

O titular de Cultura da Xunta resaltou o “salto de calidade e prestixio” dun festival que medrou co paso dos anos ata converterse “nun referente en Galicia que é quen de traer á nosa Comunidade figuras relevantes no eido internacional da música clásica”. Agradeceu o traballo constante dos seus impulsores e salientou, ademais, a capacidade deste evento por sumar forzas entre administracións” así como ter un formato, que permitirá “diversificar a oferta musical en distintos concellos”.

 

O Goberno autonómico apoia este ano o certame con 30.000 euros, o dobre que na última edición. “Queremos seguir apoiando así non só a realización dun evento de gran calidade, tamén a chegada de actuacións deste tipo a un entorno como a Mariña lucense, que conta cunha forte identidade con arraigo en valores culturais, patrimoniais e naturais que reflicten a súa gran singularidade”, expresou.

 

Valor cultural e patrimonial

Tamén valorou o escenario de cada unha destas actuacións, “que darán mostra do importante patrimonio da Mariña, desde a Catedral de Mondoñedo ata unha Casa Indiana, ademais de mosteiros, basílicas, ou teatros”, expresou.

 

A novena edición do Festival Bal y Gay celebrarase do 12 ao 24 de agosto na súa edición máis internacional. Pasará por Viveiro, Foz, Ribadeo, Cervo, Mondoñedo, Lourenzá ou Barreiros e os concertos celebraranse en lugares emblemáticos como a Fábrica de Sargadelos, a Catedral de Mondoñedo ou a Basílica de San Martiño de Foz, entre outros.

 

Contará con importantes figuras da música clásica como a pianista Elisabeth Leonskaja, o violonchelista español cunha das maiores proxeccións mundiais Pablo Fernández, o Cuarteto Quiroga ou a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia. Tamén haberá concertos familiares, conferencias e obradoiros. Toda a información e a venta de entradas está dispoñible na web festivalbalygay.com.

Imaxes relacionadas