Sanidade e a Asociación querENDO reúnense para seguir avanzando na mellora da asistencia sanitaria das mulleres con endometriose

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2022.-

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de reunirse esta semana, no Edificio Administrativo do Sergas, coa presidenta e a secretaria da Asociación querENDO, Cristina Fernández Feijoo, e Iria Pérez Mouriño, respectivamente, co obxecto de seguir avanzando na mellora da asistencia sanitaria que se presta ás mulleres que padecen endometriose.

Nesta reunión, á que tamén asistiu o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas, e a subdirectora de Humanización e Atención á Cidadanía, Josefina Monteagudo Romero, abordáronse diversos aspectos da atención á enfermidade, destacando a posta en marcha en todas as áreas sanitarias de consultas específicas sobre a patoloxía, así como a intención do Goberno galego de elaborar unha guía asistencial propia da comunidade autónoma sobre a enfermidade, antes de que remate esta lexislatura.

Así mesmo, desde a Consellería asumiuse o compromiso de convocar unha xuntanza sobre a elaboración da guía de atención a mulleres con endometriose na que participe a asociación querENDO, de cara a trasladar as súas inquedanzas e achegas para a guía.

Imaxes relacionadas