O presidente da Xunta interveu hoxe na XII Asemblea Xeral da Asociación Gallega Empresa Familiar

Rueda resalta a aprobación da Axenda Financeira 2022 como un paso máis no apoio da Xunta á reactivación e a competitividade do tecido produtivo

Destacou que o verdadeiramente transformador na actualidade é situarse ao carón das prioridades das persoas e tratar de darlles saídas útiles e realistas
 
Recorda as medidas adoptadas pola Xunta para contribuír a facilitar a vida das empresas familiares, como as bonificacións fiscais para transmitir un negocio

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que a aprobación da Axenda Financieira 2022 de Galicia é un paso máis que o Executivo autonómico está levando a cabo para apoiar a reactivación e a competitividade do tecido produtivo.

 

O titular do Goberno galego participou na XII Asemblea Xeral da Asociación Gallega Empresa Familiar, onde afirmou que hoxe o verdadeiramente transformador é situarse ao carón das prioridades das persoas e tratar de darlles saídas útiles e realistas e, por iso, reiterou os tres piares nos que se sustenta o seu proxecto: traballo, familia e futuro.

 

Rueda explicou que o Consello da Xunta desta mesma mañá aprobara a Axenda Financieira 2022, que destinará máis de 135 millóns de euros coa previsión de cuadriplicar a mobilización público-privada ata alcanzar os 400 millóns de euros de investimento.

 

Entre as medidas desta Axenda estaría, por exemplo, un programa de Transformación Empresarial dotado con 30 millóns de euros e que se destinaría á internacionalización, dixitalización e innovación. Outra das medidas consiste en préstamos parcialmente reembolsables que buscan apoiar a realización de investimentos.

 

O presidente galego subliñou a proximidade e a resiliencia deste tipo de empresas, e recalcou que “se Galicia é unha familia, en vós está a proba de que o seu progreso tamén é familiar e impúlsase entre todos e para todos”, aseverou.

 

Por outra banda, tamén destacou como outra das fortalezas da empresa familiar que desde hai anos levan contribuíndo de xeito crucial a unha Galicia internacionalizada, e iso permitiu, por exemplo, que no ano 2021 a nosa Comunidade batera un novo récord de exportacións, ou que nos primeiros catro meses deste ano venderamos ao exterior un 23,5% máis que no mesmo período do ano pasado. Neste sentido, destacou que a Xunta dedicará este ano 25 millóns de euros á estratexia de impulso á internacionalización.

 

Así mesmo, incidiu en que a empresa familiar está chamada a xogar un papel destacado nunha economía máis verde, dixital e cohesionada como a que perseguen os fondos europeos Next Generation, polo que contribuirá de xeito decisivo a complementar os proxectos tractores cos que se agarda que conte Galicia.

 

Rueda enumerou as medidas adoptadas pola Xunta neste contexto de escalada da inflación que procuran apoiar a economía doméstica e empresarial, como o bono social térmico que axuda a 66.000 galegos; os préstamos para industria manufactureira; ou a nova liña de avais para préstamos de ata 300.000 euros aos que se poden acoller as gasolineras.

 

Destacou, ademais, que se segue afondando nas reducións fiscais implantadas nos últimos anos, unha delas unha reclamación histórica das empresas familiares, como son as bonificacións fiscais para transmitir un negocio, de maneira que o doante e o donatario compaxinen a dirección da empresa durante un ano.

 

O presidente galego destacou a boa saúde financeira de Galicia que tamén contribúe a crear o contexto axeitado para o desenvolvemento das empresas familiares. Sen ir máis lonxe, explicou que esta mesma semana se coñecía o dato de que Galicia se mantivo a comezos de ano como a terceira autonomía de réxime común co menor endebedamento de España. Cada galego debe 2.300 euros menos que a media do resto das autonomías.

 

“Sodes os que encarnades esa Galicia afectuosa e tamén competitiva, próxima sen renunciar a ser global”, concluíu.

Imaxes relacionadas