A Xunta avoga pola formación e os apoios a contratación de mulleres en empresas de sectores tradicionalmente masculinizados

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe o II Simposio Muller e Minaría onde destacou a necesidade de apoiar a conciliación e a presenza de mulleres en sectores onde as traballadoras son residuais

A pesares das diferencias, a presenza de mulleres na minaría en Galicia está 1,2 puntos porcentuais por riba da media española e se sitúa no 9,79% do emprego no sector
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou na inauguración do II Simposio Muller e Minaría -apoiado pola Xunta e organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos e Graos en Minas e Enerxía de Galicia (Coitgme) en colaboración coa Cámara Oficial Mineira de Galicia- no que remarcou o compromiso da Xunta para incrementar a presenza de traballadoras en sectores tradicionalmente masculinizados e avogou pola formación e a sensibilización de empresas e sociedade en materia de igualdade laboral.


A muller representa na actualidade o 9,79% do emprego feminino do sector da minaría en Galicia, 1,2 puntos porcentuais máis que a media española, tal e como se constatou no simposio, no que se puxo de relevo que a tecnoloxía está a achaiar o acceso da muller á minaría, unha actividade tradicionalmente masculinizada.


“Necesitamos moitos actos como este, onde se visualice a mulleres realizando con toda normalidade traballos tradicionalmente desempeñados por homes”, reivindicou Mancha quen lembrou que coa lexislación actual, o que falta agora é un “cambio de concepción” para derrubar estereotipos. “A segregación horizontal do mercado de traballo fai que mulleres e homes se aglutinen en sectores de actividade distintos, e casualmente , os convenios colectivos reguladores fixan unhas retribucións medias máis altas nos sectores masculinizados”, lamentou Mancha.


Na mesma liña, a titular de Relacións Laborais avogou pola formación en materia de igualdade laboral, “como as que facemos desde o primeiro campus virtual na materia” e por “medidas específicas e transversais, por exemplo, de apoio á conciliación”.
“Non debemos ter barreiras para as mulleres en ningún sector nin en ningún posto de traballo”, dixo con énfase a directora xeral, quen incidiu na necesidade de mellorar a súa presenza nas áreas de produción, máis aló dos postos administrativos.
A Xunta está a defender a presenza de traballadoras en sectores tradicionalmente masculinizados, nomeadamente a minaría, pero tamén o naval ou a construción, e mesmo os de carácter emerxente como o das tics as TICS para conseguir unha presenza maior en todos os niveis profesionais.


Para acadalo, o Goberno galego está a artellar medidas como a creación de unidades formativas específicas para empresas de sectores nos que a muller está infrarrepresentada. Así destinaranse este ano 3,5 millóns de euros a financiar o 100% da formación de máis de 1.000 mulleres este ano, con apoios tamén para as contratacións.
 

Imaxes relacionadas