García Comesaña destaca o intercambio de coñecemento de ‘Forovax’ na procura de avanzar cara a unha saúde pública mellor

O titular de Sanidade destaca a importancia de incrementar o emprego das novas tecnoloxías e o uso do big data ao eido sanitario

A evidencia científica e a análise rigorosa do seu custo e efectividade, eríxense como os piares sobre os que debe sustentarse a posible incorporación de novas vacinas ao calendario
 

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de clausurar o Foro de Saúde Pública e Vacinas ‘Forovax 2022’, un evento que situou á comunidade galega no epicentro nacional de debate e análise sobre vacinas e Saúde Pública.

Baixo o aval científico da Asociación española de Vacinoloxía, a Cidade da Cultura acolleu durante dous días a expertos chegados de toda España, para avaliar dun xeito multidisciplinar os últimos avances e achegas científicas xurdidas ao redor da vacinación.

Durante o acto de clausura, o responsable da Sanidade galega cualificou estas dúas xornadas como “enriquecedoras”, ao contribuír ao intercambio de coñecemento e experiencias entre profesionais da inmunoloxía que desempeñan o seu labor en diferentes comunidades autónomas.

Entre os temas que foron obxecto de debate, García Comesaña salientou a incorporación de novas vacinas ao calendario vacinal galego. Así, lembrou a recente decisión da Xunta de Galicia de incorporar ao calendario de vacinación infantil as vacinas da meninxite B, o VPH para nenos e a gripe. Neste senso, a evidencia científica e a análise rigorosa do seu custo e efectividade, eríxense como os piares sobre os que debe sustentarse as posibles novas incorporacións ao calendario.

O conselleiro de Sanidade tamén remarcou a importancia de incrementar o emprego das novas tecnoloxías e o uso do Big Data no eido sanitario. Así, apuntou que o departamento que dirixe xa está a traballar no desenvolvemento dunha infraestrutura de procesamento masivo de datos, que dará lugar un modelo federado de información, e que permitirá intercambiar datos a nivel nacional e europeo, dun xeito seguro e anónimo.

No que atinxe ás estratexias e retos futuros da Saúde Pública, destacou que o Executivo galego ten o firme compromiso de promover “unha Saúde Pública que investigue e innove” e, sobre todo, “que estea preparada para afrontar os novos desafíos”.

“Os piares que sosteñan este desenvolvemento”, abundou o conselleiro, “deben responder a unhas estratexias transversais, que incidan no ámbito da dixitalización, mediante a posta en marcha de sistemas de información integrados e interoperables; na formación dos profesionais sanitarios, mediante o impulso da Escola Galega de Saúde Pública; e na comunicación e transparencia de actividades e resultados de estudos, a través da posta en marcha dun Observatorio Galego de Saúde Pública”.

Liderado galego na vacinación da covid-19

Durante o proceso de vacinación da covid-19, Galicia destacouse como unha das comunidades autónomas que acadou unha maior porcentaxe de poboación inmunizada, e nun menor prazo de tempo. Así, na actualidade xa son máis de seis millóns o número de doses administradas no sistema sanitario público galego, unha cifra que permite contar máis do 95% da poboación vacinada.

Sobre o futuro da Saúde Pública, García Comesaña puxo o foco na necesidade de seguir a traballar no eido da prevención, remarcando os resultados acadados nos programas de cribados poboacionais de cancro de mama, colon e cérvix, que de xeito anual desprega a Consellería de Sanidade.

“Debemos avanzar cara a un modelo de saúde que dea resposta ás necesidades sanitarias actuais, introducindo cambios organizativos, optimizando os recursos humanos e que aposte pola innovación”, concluíu o conselleiro.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade