Conde subliña ante os empresarios de Mos a importancia da colaboración público-privada para afrontar os retos económicos do contexto actual

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, sinalou nunha xornada organizada por Aemos a necesidade de planificar e anticiparse ante o impacto que están a ter aspectos como a suba do prezo eléctrico e os carburantes

Apunta que a Axenda Financeira de Galicia aprobada hoxe no Consello da Xunta mobilizará este ano 400 millóns de euros en préstamos, avais e a través do programa Transformación Empresarial

Avanza que a nova Secretaría Xeral de Industria vai desenvolver un papel relevante en ámbitos como a coordinación da oferta de solo empresarial e a tramitación de proxectos industriais para facilitar e axilizar a implantación de empresas en Galicia
 

Oia (Pontevedra), 16 de xuño de 2022.-

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe nunha xornada organizada pola Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) a importancia da colaboración público-privada para afrontar os retos económicos do complexo contexto actual.

 

Conde, ao tempo que fixo fincapé na necesidade de alentar optimismo, recalcou a necesidade da planificación e a anticipación, subliñando que cómpre estar preparados ante o impacto que están a ter aspectos como a inflación e o incremento da factura enerxética e dos carburantes, así como da suba de tipos anunciada polo Banco Central Europeo para xullo, así como a crise de subministracións. O vicepresidente económico, que lembrou que a peche de 2021, dous meses da invasión rusa a inflación en España xa estaba no 6,5%, demandou por parte do Goberno central medidas a través de instrumentos fiscais e do pacto de rendas.

 

Galicia, tal e como lembrou o vicepresidente económico durante o acto, celebrado en Oia, está tratando de anticiparse na medida das súas competencias para aliviar cargas a familias e empresas, con rebaixas de impostos de titularidade económica; a gratuidade da educación infantil; axudas para aliviar as facturas de gas e luz aos fogares máis vulnerables; e apoio a proxectos que favorezan o aforro e a eficiencia enerxética en pemes e autónomos.

 

Ademais, a Xunta está a poñer en marcha a nova Axenda Financeira aprobada hoxe no Consello da Xunta, que mobilizará este ano 400 millóns de euros en préstamos, avais e a través do  programa Transformación Empresarial, con financiamento para proxectos de dixitalización, internacionalización, innovación ou consultoría que repercutan sobre a competitividade do tecido empresarial.

 

Neste contexto, Conde resaltou as oportunidades que supoñen a transición dixital e enerxética, así como os fondos europeos Next Generation, destacando que a xestión útil destes fondos será determinante para recuperar e transformar a economía cara á innovación, a sostibilidade e a dixitalización. Tamén lembrou que desde Galicia segue a defenderse un reparto descentralizado, transparente e áxil.

 

O vicepresidente económico apuntou que a nova Secretaría Xeral de Industria da Xunta de Galicia vai desenvolver un papel relevante en ámbitos como a coordinación da oferta de solo empresarial e a tramitación de expedientes de proxectos industriais para facilitar e axilizar a implantación de empresas na Comunidade, no marco da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Imaxes relacionadas