Fernández-Tapias traslada á asociación Vigo Ship Repair a “estratexia naval 2022-2026” da Xunta para avanzar na competitividade do sector

A delegada territorial da Xunta en Vigo mantivo unha xuntanza cos representantes do colectivo para coñecer as súas iniciativas de fomento da reparación naval

Vigo, 16 de xuño de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, reuniuse esta mañá en Vigo con representantes da asociación Vigo Ship Repair para avanzar na “Estratexia naval 2022-2026” co obxectivo de seguir incorporando as achegas do sector. Na xuntanza, a representantes autonómica destacou que unha das finalidades desta folla de ruta é aproveitar as oportunidades que se van xerar ao redor da innovación, a sustentabilidade e o talento.

O colectivo informou a Fernández-Tapias sobre a súa actividade e a dos seus asociados, ademais de trasladarlle as principais preocupacións que agrupa ás empresas de reparación naval. Na reunión estiveron presentes a presidenta de Vigo Ship Repair e directora de Toysal, Nuria Toca; o director de Cardama Shipyard, Xocas Cardama; o director de Chorro Naval, Casiano Iglesias, e a xerente da asociación, Rita Cal.  

A delegada explicou que a estratexia debe recoller medidas e accións que impulsen a recuperación e o crecemento desta industria que en Galicia suma más de 290 empresas, 26.000 postos de traballo directos e indirectos e que xera uns ingresos de 2100 millóns de euros -o 3,5% do PIB-.

O obxectivo é que este sector poida aproveitar as oportunidades que ofrece a dixitalización, a innovación, a sustentabilidade e o talento máis a formación para que a industria naval galega siga sendo un referente.

“Desde a Xunta de Galicia apoiarase o financiamento, apostarase pola diversificación para estimular a demanda e traballarase para facilitar unha contorna favorable para o desenvolvemento de novos proxectos”, sinalou. Neste sentido, abundou en que é necesario afondar na cooperación entre estaleiros tanto para xerar sinerxías como modelos de produción colaborativos.

Imaxes relacionadas