A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou a cooperativa Cogalso, en Narón, beneficiaria dunha achega deste programa na pasada anualidade

Martina Aneiros lembra ás entidades de economía social de Ferrolterra que nas próximas semanas abrirá a convocatoria de axudas do Bono Consolida 2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade prevé beneficiar con esta iniciativa a 200 empresas que estean inscritas nos rexistros administrativos da Xunta e conten cunha antigüidade mínima de 42 meses

As achegas máximas serán de ata 20.000 euros e poderán destinarse a accións que redunden na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética
 

Narón (A Coruña), 16 de xuño de 2022 A Xunta publicará nas próximas semanas unha nova convocatoria de axudas dos bonos Consolida. Así o recordou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, durante a visita realizada esta mañá á cooperativa Cogalso, en Narón, na que estivo acompañada da xefa territorial de Promoción do Emprego e Igualdade, Judit Fontenla.

 

A entidade social, afincada no polígono industrial de Río do Pozo, está promovida por un grupo de traballadores do sector naval e especializada en soldaduras especiais, reparacións navais e estruturas metálicas. Cogalso foi beneficiaria dun achega de preto de 20.000 euros da pasada anualidade do programa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

Segundo destacou Aneiros que estivo acompañada na visita do presidente da cooperativa, Francisco Javier Sabín Beceiro, o Bono Consolida 2022, conta cun orzamento de 1,5 M€ e permitirá apoiar con axudas máximas de ata 20.000 euros a consolidación de entidades de economía social mediante achegas que inciden na transformación dixital. Este ano, como novidade, tamén serán subvencionables accións que redunden na mellora da eficiencia enerxética para impulsar a actividade económica das empresas contribuíndo ao incremento da súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade.  

 

A Xunta prevé beneficiar con esta iniciativa a 200 empresas (cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral ou centros especiais de emprego) que estean inscritas nos rexistros administrativos de Galicia e conten cunha antigüidade mínima de 42 meses.

 

“Por medio deste bono financiaranse, entre outros conceptos, a adquisición de equipamento informático; o desenvolvemento de software e páxinas web; gastos de marketing, comunicación ou relanzamento comercial; para a obtención de certificados de calidade; a mellora na eficiencia enerxética, reformas do local; compra de mobiliario; a creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade ou a realización dun plan de protección de datos”, exemplificou a representante do Executivo autonómico.

Imaxes relacionadas