O vicepresidente segundo da Xunta participou na Ceremonia de Toma de Posesión do Consello Estratéxico da Confederación Empresarial da Rexión do Miño para asinar o convenio coa AECT

Calvo destaca o potencial da alianza estratéxica da Eurorrexión coa confederación de empresarios do Miño para gañar competitividade e aproveitar os fondos europeos

Refírese a sinatura do convenio como un novo fito na colaboración entre os territorios que supón avances de cara a facer a Eurorrexión máis industrial, competitiva, innovadora, internacional e atractiva

Di que Galicia será quen de prepararse para o vindeiro Marco Financeiro 2021-2027 e de aproveitar os fondos Next Generation para encarar os retos de futuro
 

Vila Nova de Famalição (Portugal) 15 de xuño de 2022 O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe o potencial da alianza estratéxica da Eurorrexión coa Confederación de empresarios do Miño para gañar competitividade, innovación e atractivo no territorio transfronteirizo e aproveitar os fondos europeos.

 

Máis polo miúdo, citou algúns exemplos que ilustran o avance que se acadarán neses ámbitos como o industrial co reforzo do traballo da federación Luso Galaica do Metal (Feluga) e do sector da automoción; o competitivo co Clúster Téxtil Moda da Eurorrexión e o clúster da Biotecnoloxía Luso-Galaica; a innovación coa aposta polo sector aeroespacial; a internacionalización con misións comerciais conxuntas nos mercados ou desde o punto de vista do atractivo turístico, a oportunidade que supón o Xacobeo dobre.

 

Durante o acto, Diego Calvo tamén recoñeceu o compromiso do presidente do CCDR-N, Antònio Cunha, das universidades, das empresas e da Xunta de Galicia para conciliar os intereses galegos e portugueses e seguir estreitando vínculos no marco da Eurorrexión. “É moito o feito, pero menos do que aínda podemos conseguir se seguimos traballando unidos”, dixo.

 

Nese contexto, referiuse á sinatura do convenio como un novo fito na colaboración entre os territorios que supón: unir a experiencia da Agrupación e das 120.000 empresas que representa a Confederación do Minho, un novo exemplo de colaboración público-privada, enxalzar o europeísmo e salientar o potencial futuro da Eurorrexión.

 

Ademais, no relativo ás oportunidades que brinda Europa, Diego Calvo amosouse convencido de que Galicia será quen de prepararse para o vindeiro Marco Financeiro 2021-2027 e de aproveitar os fondos Next Generation para encarar os retos de futuro. A ese respecto, incidiu en que a nosa Comunidade seguirá defendendo o liderado español en automoción coa planta Stellantis á cabeza. “Ser a planta máis produtiva de España cremos que debe ter un tratamento acorde no reparto dos fondos comunitarios”, engadiu.

 

Por outra banda, en canto á mobilidade na “raia”, que se viu interrompida pola pandemia, o vicepresidente segundo da Xunta volveu insistir aos Gobernos de Madrid e Lisboa para que o Estatuto dos Traballadores Transfronteirizos sexa pronto unha realidade.

 

Por último, rematou a súa intervención celebrando no eido das infraestruturas o compromiso reiterado en repetidas ocasións polo Goberno luso coa alta velocidade entre Vigo e Porto e expresando a intención de seguir apostando polo impulso do Corredor Atlántico de mercadorías e dunha saída Sur en Vigo. “Nunca nos oporemos ao progreso da Meseta ou da cornixa mediterránea, como nunca cesaremos de defender o desenvolvemento da franxa atlántica. Falar de equilibrio territorial implica abordar as infraestruturas”, sentenciou.

Imaxes relacionadas